O manifesto, que foi presentado pola ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, repasa os valores e principios que rexen este modelo económico, que busca xerar emprego estable e ancorado ao territorio. Durante o acto, o alcalde de Santiago salientou o lanzamento dunha liña de axudas directas por parte do Concello dirixidas a este secto e agradeceu novamente á ministra a declaración de Santiago como capital da Economía Social 2022. No acto tamén se distinguiu a dous dos máximos expoñentes da Economía Social galega: o pioneiro do cooperativismo José Montes e o presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asisitiu esta mañá, xunto ao presidente provincial, Valentín González Formoso; á alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e numerosos rexedores da zona, á inauguración do novo centro "Next Deputación", o primeiro centro de Galicia creado especificamente para dar apoio aos municipios na captación e xestión de proxectos susceptibles de ser financiados con fondos Next Generation da UE.
A Xunta de Goberno Local acordou aprobar inicialmente o "Plan especial de infraestruturas e dotacións" na parcela de equipamento IA-8 para a implantación da plataforma loxística de Mallou, formulado de oficio polo Concello de Santiago. Segundo informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa, a localización, xunto á rotonda de Meixonfrío, entre a Av. de Asturias e a Av. da Coruña, é a máis idónea, para "o funcionamento operativo do servizo", que permite establecer un novo modelo de reparto de mercadorías, de cero emisións, e respectuoso co patrimonio histórico.
O Edificio Emprendia (Campus Vida) acolleu esta mañá o segundo CaféCon, unha xornada de networking dirixida ás iniciativas participantes e aos socios de SPIN_UP, proxecto de cooperación transnacional Galicia-Norte de Portugal que pretende fomentar o desenvolvemento empresarial e apoiar o emprendemento universitario neses territorios.
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases da convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións veciñais de Santiago de Compostela, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral. Estas axudas contan cun orzamento de 100.000 euros, ampliable, segundo explicou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa, ata os 150.000 euros.
As primeiras Xornadas de Innovación en Bosques Urbanos, celebradas o 19 e 20 de maio en Santiago, xuntaron a expertos de gran prestixio no eido ambiental e a multitude de profesionais interesados na materia. O alcalde Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, participaron na apertura institucional, na que destacaron o compromiso do Concello para que Santiago continúe á vangarda dos retos ambientais das cidades.
A poucos días de finalizar o prazo para facer uso dos Bonos Corazón Concheros, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou esta mañá en rolda de prensa que o importe total de gasto propiciado por esta campaña vén de acadar os 200.063 euros, dos que 153.423 euros foron consumidos en establecementos comerciais, e 46.340 euros, nos locais de hostalaría. Prevese o lanzamento de dúas novas convocatorias dos Bonos Corazón en xuño e setembro deste ano, a primeira delas centrada na Praza de Abastos.
O alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, acompañado por Marcos Saavedra, director da feira; Ana Sánchez, directora de APD Noroeste; e Ana Isabel Vázquez Reboredo, directora-xerente da Cidade da Cultura, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi a 8ª edición da Maker Faire Galicia, o evento deste tipo máis grande da península, que tras dous anos en formato 100% en liña debido á pandemia, retoma con forza a presencialidade.
Xa está aberto o prazo de inscrición para as primeiras xornadas sobre Innovación en Bosques Urbanos que terán lugar en Santiago os vindeiros 19 e 20 de maio. O Concello de Santiago pretende con este evento continuar a senda iniciada pola campaña do Carballo do Bosque do Banquete de Conxo, nomeado Árbore do Ano en España 2022, en prol do patrimonio natural da cidade.
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e os co-directores executivos do proxecto, María Cadaval e Santiago Lago, deron hoxe a coñecer a nova fase do proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030, coa que se inicia un período propositivo aberto a todas as persoas interesadas en participar. Desde hoxe toda a cidadanía poderá facer chegar as súas propostas, opinións ou suxerencias a través da plataforma web e colaborar así na creación deste documento estratéxico para o futuro da cidade.