• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello solicita unha subvención ao Ministerio de Transportes para converter o Restollal nunha vía urbana

Data de escritura

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou esta mañá en rolda de prensa o anteproxecto de humanización da rúa do Restollal, co que se pretende converter esta estrada de acceso á cidade nun espazo amable para vehículos e peóns, facilitando tamén a conectividade entre os barrios. Acompañouno Antonio Ranedo, xefe do Servizo de Obras, que explicou o anteproxecto polo miúdo.

O Alcalde e Antonio Ranedo durante a rolda de prensa

 

A Xunta de Goberno Local, reunida o pasado xoves en sesión extraordinaria, deu luz verde á solicitude por parte do Concello de Santiago dunha axuda con cargo ao "Programa de Axudas a Municipios para a Implantación de Zonas de Baixas Emisións e a Transformación Dixital e Sostible do Transporte Urbano", financiado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.

O alcalde detallou que "o orzamento do anteproxecto de humanización do Restollal ascende a 6.179.350 euros, dos que solicitamos que se subvencionen 4.596.210,00 euros, polo que 1.583.140 euros irían con cargo aos fondos municipais". Tamén explicou que as actuacións cubrirán "desde o inicio da rúa Amor Ruibal pasando pola Rúa Restollal, ata chegar á glorieta do Castiñeiriño que comunica coa estrada SC-11", e suporán "unha reordenación total deste zona, xa que converterá a estrada N-525 nunha vía urbana máis amable para toda a veciñanza", que ademais permitirá conectar "o barrio de Pontepedriña coas futuras urbanizacións da zona do Castiñeiriño".

O rexedor sinalou que "unha vez se confirme a subvención nas próxima semanas, iniciaremos inmediatemente o proceso de licitación, xa que as obras deben estar adxudicadas antes de finais de marzo de 2024 para poder levar a cabo a súa execución nos anos 2025 e 2026".

Humanización do Restollal

A intervención abarcará un total de 42.000 m2 e executarase en tres fases, atendendo aos distintos tecidos que configuran a trama urbana. A solicitude presentada á convocatoria recolle as actuacións contempladas nas fases 2 e 3, que se centrarán na redución do número de carrís destinados a tráfico motorizado a 2 carrís por sentido, un dos cales por sentido será destinado a priorización ou exclusividade para transporte colectivo (carril bus-taxi).

O obxectivo deste proxecto é levar a cabo unha remoledación da rúa do Restollal que permita priorizar o transporte colectivo, reducir o uso do vehículo privado e a creación de espazos urbanos para toda a veciñanza. En concreto, as actuacións contemplan a construción de 838 metros de carril-bici que conectarán co xa existente en Clara Campoamor e darán continuidade ao proxectado en Amor Ruibal, cun total de 1.2 km novos de carril-bici; a implantación dun carril prioritario para transporte colectivo bus-taxi, cun desenvolvemento total de 1.8 km; novos espazos destinados para o tránsito de peóns, cun incremento da zona destinada a beirarrúas de 9.600 m2 con respecto á situación actual; así como unha reformulación do deseño para acadar o acougado do tráfico.

Documentos relacionados