María Rozas reivindica “a capacidade innovadora e o talento de Santiago” na inauguración da xornada da Industria da Maker Faire Galicia
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, reivindicou hoxe que “Santiago e o conxunto de Galicia poden ser o berce de grandes proxectos tecnolóxicos e industriais innovadores”. Foi na inauguración da Xornada da Industria da Maker Faire Galicia, na que a tenenta de alcaldesa lembrou o “enorme potencial investigador e o talento que emana sobre todo da Universidade, e que temos que seguir poñendo en valor en iniciativas como a Maker Faire”.
 
María Rozas salientou que a Xornada da Industria da Maker Faire “é unha chamada a exercer a autoestima colectiva, porque pón o foco en proxectos innovadores que atenden a sectores que deben ser fundamentais para a nosa economía”. Nese sentido, citou específicamente os sectores da madeira e da biotecnoloxía, “que son fundamentais para o Concello de Santiago, e sobre os que pivota o proxecto do Biopolo da Sionlla que tén ainda un enorme potencial por desenvolver”.
Aposta por un futuro industrial sostible
A Maker Faire Galicia celebrou hoxe a Xornada da Industria na Casa das Máquinas, coa colaboración do Concello de Santiago e o IGAPE. Ao longo da xornada, no encontro participan empresas, startups, investigadores e profesionais que están a transformar o tecido productivo galego a través da innovación, a ciencia e a sustentabilidade. Así, houbo relatorios, presentacións de proxectos, espazos de networking e unha sesión dedicada ao talento galego, co obxectivo de poñer en valor a capacidade innovadora do ecosistema local.
 
  
  
  
     
 
 
 






