Aprobada a solicitude de subvención ao Ministerio de Transportes por máis de 3,3 millóns de euros para a rehabilitación de 250 vivendas da cidade histórica
A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, deu luz verde á solicitude de participación no "Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación no ámbito do Casco Histórico" do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cunha cantidade a subvencionar de 3.373.526,58 euros, a través dos fondos NextGenerationEU. Dos acordos adoptados deu conta, en rolda de prensa, o alcalde Sánchez Bugallo.
A proposta de solicitude de subvención ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, destinada fundamentalmente a melloras de eficiencia enerxética, contempla a rehabilitación de 250 vivendas. No ano 2023, serían un total de 50 vivendas. En 2024, o ámbito de actuación ampliariase aata as 100 vivendas, as mesmas que en 2025.
O orzamento total previsto para este programa de rehabilitación e de mellora da eficiencia enerxética no ámbito da cidade histórica, é de 7.476.573,38 euros. A solicitude de subvención con cargo a fondos europeos sería de 3.373.526,58 euros. O Concello aportaría 426.449,03 euros, que corresponden aos gastos de persoal, e o resto correría a cargo de promotores privados, xa que son os propietarios da vivenda os que teñen que realizar as obras e solicitar esa subvención, que se xestionaría a través da oficina de rehabilitación do Concello de Santiago.
O "Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación no ámbito da cidade histórica", ten por obxecto financiar a realización conxunta de obras de rehabilitación en edificios de uso predominante residencial e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares, e de urbanización o reurbanización de espazos públicos dentro de ámbitos de actuación denominados Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP) previamente delimitados.
Poden participar neste programa os concellos que teñen algunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) declarada no seu termo municipal. No caso de ter varias ARI declaradas deberán presentar unha solicitude para cada unha das áreas que queiran incorporar a este programa como ERRP, salvo que queiran agrupar máis dun ARI nunha mesma ERRP. Neste momento, o ámbito da cidade histórica está contemplado como ARI.
Esta subvención súmase á aprobada o luns, 10 de outubro, e destinada aos barrios, solicitada tamén ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cunha cantidade a subvencionar de 5.551.978,07 euros a través dos fondos NextGenerationEU; e que contempla a rehabilitación de 442 vivendas ata 2025. Con estas dúas convocatorias, a cantidade solicitada para melloras de eficiencia enerxética ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, tanto nas ARIS dos barrios como na cidade histórica, ascendería a 8.925.504,65; e a ela poderían acollerse un total de 692 vivendas.