A Xunta de Goberno aproba as bases de dúas convocatorias de axudas destinadas a empresas de Santiago e do Premio á excelencia empresarial
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria e urxente, aprobou hoxe as bases de tres convocatorias destinadas a empresas, nas que se investirán, en conxunto, 460.000 euros. En concreto, deuse luz verde ás axudas destinadas a apoiar ás empresas de economía social (250.000 euros); as subencións para actuacións en materia de economía circular (150.000 euros); e á primeira edición dos "Premios de excelencia empresarial Axenda Urbana 2030" do Concello de Santiago.
XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno aproba as bases de dúas convocatorias de axudas destinadas a empresas de Santiago e do Premio á excelencia empresarial
Cersia Empresa, sede da oficina de Promoción Económica
11/10/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria e urxente, aprobou hoxe as bases de tres convocatorias destinadas a empresas, nas que se investirán, en conxunto, 460.000 euros. En concreto, deuse luz verde ás axudas destinadas a apoiar ás empresas de economía social (250.000 euros); as subencións para actuacións en materia de economía circular (150.000 euros); e á primeira edición dos "Premios de excelencia empresarial Axenda Urbana 2030" do Concello de Santiago.
Os obxectivos destas axudas, enmarcadas no programa "Compostela móvese", son avanzar na diversificación da economía para acadar a transformación estrutural que permita maiores níveis de produtividade; anticiparse aos retos de sustentabilidade ambiental e transición enerxética; crear iniciativas que permitan garantir a calidade de vida nunha poboación cada vez máis envellecida; apostar por sectores, como o cultural que funcionan como elementos vertebradores do territorio e que contribúen a construir identidade, e no que tan importantes son as cooperativas; e avanzar na inclusión sociolaboral da diversidade.
Segundo o texto das convocatorias, "é preciso afrontar con carácter urxente estes retos para garantir unha recuperación integral da nosa economía local e afrontar con arantías o efecto que a intensificación de tendencias como o comercio electrónico ou o a adopción do teletraballo que trouxo consigo a crise socioeconómica da COVID19, maximizando o seu impacto positivo e contrarrestando os negativos.
Para a presentación das solicitudes as persoas beneficiarias poden contar co asesoramento do Servizo de Apoio á Empresa da Oficina de Economía do Concello de Santiago. As consultas sobre as presentes bases, poderán facerse a través do correo electrónico do Servizo de Apoio á Empresa (sae@santiagodecompostela.gal), ata o 3 días hábiles antes do peche do prazo de presentación de solicitudes
Economía social
A convocatoria das "Axudas destinadas a apoiar ás empresas de economía social de Santiago de Compostela. Ano 2022" conta cun orzamento de 250.000 euros. A finalidade destas axudas é contribuír á consolidación e desenvolvemento do tecido empresarial no Concello apoiando a empresas de economía social mediante axudas ao gasto corrente no que incorren para desenvolver a súa actividade empresarial, nun momento especialmente delicado tras a pandemia da COVID-19 e os efectos derivados da mesma.
Poderán resultar beneficiarios das axudas previstas nesta convocatoria as cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, e empresas de inserción (definida como tal segundo o establecido na Lei de economía Social de Galicia), que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter iniciada a actividade o 1 de xaneiro de 2022 ou ben iniciala dentro do período subvencionable, e manterse en activo durante o ano da convocatoria.
-Para os efectos deste programa enténdese como data de inicio de actividade aquela en a que a persoa solicitante cause alta no IAE ou, no seu caso, no censo de obrigados tributarios.
-Ter a súa sede social, fiscal e, polo menos, un centro de traballo, no Concello de Santiago.
-Que a súa actividade empresarial sexa viable económica, financeira e tecnicamente.
Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas participadas por algunha Administración Pública
O importe final da subvención, non poderá superar o importe máximo de 5.000 euros por beneficiario, nin o importe total do 80% dos gastos subvencionables debidamente xustificados.
As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia do extracto da convocatoria.
Economía circular
A convocatoria das "Subvencións a empresas para actuacións en materia de economía circular no Concello de Santiago e Compostela. Ano 2022", conta cun orzamento de 150.000 euros. O obxecto das bases é a regulación das condicións que rexerán a concesión das axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao desenvolvemento de proxectos de economía circular. É dicir, aquela economía na que o valor dos produtos, os materiais e os recursos mantense durante o maior tempo posible, reducindo ao mínimo a xeración de residuos.
Poderán ser beneficiarias das axudas que contemplan as presentes bases as empresas privadas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que exerzan unha actividade mercantil e cumpran os seguintes requisitos:
- Ter domicilio social e fiscal no Concello de Santiago de Compostela, e/ou desenvolver directamente as actividades subvencionables nun centro sito no Concello de Santiago de Compostela.
- Estar validamente constituídas no momento de publicación do extracto desta convocatoria no BOP Coruña.
- As empresas deberán manter vixente a súa alta en IAE durante todo o proceso de tramitación da solicitude de subvención (solicitude, concesión, recoñecemento da obrigación e pago).
- Cumprir cos requisitos de PEME segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento UE nº 651/2014.
- Acharse ao corrente das súas obrigacións fiscais coa AEAT, Xunta de Galicia, coa Seguridade Social e tributarias co Concello de Santiago de Compostela.
- En calquera caso, quedan excluídas as sociedades públicas e entidades de dereito público, así como as entidades sen ánimo de lucro e as que realicen actividades asociativas ou profesionais (asociacións, colexios profesionais, etc.)
O prazo xeral de presentación de solicitudes e xustificación será de quince días naturais contados a partires do seguinte ó da publicación do extracto desta convocatoria no boletín oficial da provincia da Coruña.
As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia do extracto da convocatoria. As bases completas da mesma poderán consultase na Base Nacional de Subvencións así como na web municipal www.cersiaempresa.gal
Excelencia empresarial
A primeira edición dos "Premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030. Concello de Santiago" contan cun orzamento de 60.000 euros. O seu obxectivo é premiar ás empresas que se houberan distinguido polas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación, comercialización en produtos e servizos culturais, retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e, tamén, boas prácticas de empresas de economía social.
Están dirixidos a todas as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, cando menos, un centro de actividade no Concello de Santiago de Compostela, baixo calquera forma xurídica admitida en dereito, e sexa cal sexa o seu campo de actividade. Establécense as seguintes categorías, valorando criterios:
-Boas prácticas en materia de economía circular.
-Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio.
-Boas prácticas en innovación en comercialización de produtos e servizos culturais.
-Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030.
-Boas prácticas de empresas de economía social.
As empresas candidatas ao premio, presentarán unha solicitude para cada unha das categorías ás que concorran. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partires do seguinte ó da publicación do extracto das bases no BOP de A Coruña.