Xosé Sánchez Bugallo mantivo un encontro esta mañá no Pazo de Raxoi coa nova presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais, no que trataron temas de interese para as empresas locais como a axilización da xestión de licenzas, o desenvolvemento de infraestruturas estratéxicas, a continua mellora dos servizos públicos da cidade ou a implantación de novas empresas.
O Consorcio de Santiago lanzou o pasado mes de xaneiro un novo programa de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas e ao mantemento da envolvente exterior das vivendas da Cidade Histórica compostelá cun importe de 900.000 euros. As axudas destinadas a este fin poderán solicitarse ata o 20 de febreiro ás 14:00 h.
O prazo de solicitudes para poder optar a estas axudas rematará o vindeiro luns, 20 de febreiro ás 14:00 h, e poderán entregarse no Rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59) ou por calquera dos medios admitidos na Lei de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común. Na web do Consorcio, pode atoparse toda a información ao respecto.
O Pleno aprobou de forma definitiva a modificación puntual do título III do Plan xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuxo obxectivo é preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación dos usos e actividades complementarias, entre elas as vivendas de uso turístico ou VUT. Na sesión de hoxe tamén tomou posesión a nova concelleira Begoña Rodríguez.
O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de presentación das accións incluidas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela-Tambre- Lengüelle e financiadas con 1,4 millóns de euros polo Goberno de España a cargo do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; do vicepresidente provincial, Xosé Regueira; do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e do presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, Antonio Leira. No acto tamén estiveron presentes os rexedores dos outros catro concellos polos que pasa a Vía Verde, Juan Manuel Rodríguez (Cerceda), Antonio Pereira (Tordoia), José Luis Martínez (Ordes) e Luís Rey (Oroso), e a concelleira de Medio Ambiente de Santiago, Mila Castro.
O Boletín Oficial do Estado (BOE) acaba de publicar a convocatoria dun total de 59 prazas de persoal funcionario de carreira e de persoal laboral fixo no Concello de Santiago, para a súa cobertura a través do sistema de oposición e quenda libre. A estas prazas súmanse tamén as 92 prazas xa convocadas o pasado mes de decembro do proceso extraordinario de estabilización e as 71 prazas de promoción interna de persoal funcionario de carreira que xa presta os seus servizos no Concello.
Desde mañá, 13 de febreiro, e ata o 28 de febreiro, estará aberto o prazo para a presentación de solicitudes á convocatoria de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI), e prevención e loita contra as violencias machistas, durante o ano 2023.
A convocatoria publicada no día de hoxe no BOP de A Coruña (BOP. Nº 30 de 13/02/2023) e impulsada polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Políticas de Igualdade, conta cun orzamento de 30.000 euros, e poderá subvencionarse o 100% do gasto presentado, sempre que non supere a contía máxima de 2.500 euros por entidade.
O "V Plan de Igualdade entre mulleres e homes do Concello de Santiago de Compostela" conta, na súa Comisión de seguimento, constituida o pasado venres, cunha representación de todos as áreas e servizos do Concello, reforzando así, aínda máis, a súa transversalidade. Esta comisión está presidida pola concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón.
Xunto ao Concello, Cruz Vermella, Cáritas, USC, Fundación Secretariado Xitano, Viaqua e Cetaqua participan achegando e analizando datos para a realización dun estudo de vulnerabilidades socio-económicas da cidade. A concelleira de Politicas Sociais, Mila Castro, presidiu esta mañá un encontro de todas as entidades que participan neste proxecto que leva por nome Big Social Santiago.
Xosé Sánchez Bugallo deu á benvida na praza do Obradoiro á secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, na súa primeira visita á cidade, acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Os mandatarios visitaron os Hostal dos Reis Católicos e o Pazo de Raxoi, cuxas obras de restauración reciben fondos procedentes da administración central.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como presidente do Consorcio; o concelleiro Sindo Guinarte, en representación do Concello; e o presidente de Mercasa, José Ramón Sempere, ratificaron esta mañá o convenio en virtude do cal o Consorcio de Santiago se encargará da redacción do proxecto, execución de obra e dotación do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercancías para a Cidade Histórica cun importe de 4.598.000 euros. A esta cantidade súmanse os preto de 470.000 euros destinados a Uninova para o gabinete técnico. En total, algo máis de 5 millóns de euros para unha iniciativa "fundamental para a conservación da zona histórica", segundo sinalou o rexedor