• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Adxudicado o contrato para a posta en marcha da Oficina de Transformación Dixital

Data de escritura

A Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato que ten por obxecto a prestación do "servizo de oficina de transformación dixital" á empresa Indra Soluciones Tecnológicas de la Información SLU, por un importe, IVE engadido, de 501.735,80 euros, e un prazo de dous anos. O obxectivo é darlle un novo impulso ao reto de transformación dixital que se está levando a cabo no Concello de Santiago de Compostela dende fai un ano.

A nova oficina busca a simplificación dos procedementos e a interconexión dos sistemas

Unha vez implantadas as ferramentas necesarias para a tramitación dixital da maioría dos expedientes que se xestionan a diario, chega o momento de asentar o traballo realizado, racionalizalo e tamén impulsalo para conseguir unha administración 100% dixital. Nese sentido, a Oficina de Transformación Dixital ten por obxectivo fundamental garantir o éxito no proceso de aplicación da administración electrónica, impulsala e achegar a administración á veciñanza en termos dixitais en loita continua fronte á fenda dixital.

Coa posta en marcha desta Oficina preténdese tamén dar cumprimento ás esixencias derivadas da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento administrativo común das administracións públicas; da la Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime xurídico do sector público; e a toda lexislación vixente en materia de administración electrónica. Para esta tarefa requírese de persoal con coñecementos específicos e ampla dedicación ao proceso de transformación dixital. Por iso, a contratación desta Oficina de Transformación Dixital ven dar cobertura a esta necesidade, coa dotación de persoal dedicado e con coñecementos e experiencia en todos os aspectos que forman parte do mundo dixital (tecnolóxico, xurídico, administrativo e organizativo).

Outro dos obxectivos deste servizo é a realización das tarefas necesarias para avanzar na implantación da administración electrónica do Concello de Santiago de Compostela, constituíndo o fin principal a integración dixital de todos os procedementos administrativos do Concello e así dar resposta á crecente demanda de servizos electrónicos e ás obrigas establecidas pola normativa vixente.

Outra faceta moi importante desta oficina de transformación dixital é a orientación de cara á veciñanza, co obxecto claro de acompañala e habituala nos procedementos dixitais, vencendo as reticencias e facendo máis doada a súa relación co Concello de Santiago de Compostela. A finalidade: dedicar máis esforzos á cidadanía e facer rendibles, en termos de eficacia, cercanía e rendemento, todos os esforzos desenvolvidos no último ano no proceso de transformación dixital.

Documentos relacionados