Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago participarán no IX Encontro Transfronteirizo das Redes de Información Europea de Galicia e Norte de Portugal
O Encontro, que terá lugar en Leça da Palmeira (Portugal) o vindeiro mércores, 19 de abril, permitirá ás Redes de Información Europea de Galicia e Norte de Portugal intercambiar experiencias e boas prácticas e explorar oportunidades de colaboración para os anos 2023 e 2024.
Europe Direct A Coruña e a Associação Empresarial de Portugal (AEP) organizan un novo Encontro transfronteirizo, que contará coa participación das principais Redes de Información Europea operativas en Galicia e o Norte de Portugal, o día 19 de abril, na cidade portuguesa de Leça da Palmeira.
O principal obxectivo do Encontro é o de dar a coñecer e reforzar o intercambio de experiencias, boas prácticas e a actividade conxunta das redes de información europea de Galicia e Norte de Portugal, así como explorar oportunidades de colaboración entre as redes de Galicia e Norte de Portugal en 2023 e 2024.
A xornada iniciarase coa presentación de boas prácticas realizadas ao longo do pasado ano, para logo compartir historias de éxito e propoñer propostas de colaboración para os próximos anos.
O evento contará coa participación de centros e enlaces de información europea existentes tanto en Galicia como no Norte de Portugal, como son, no que respecta a Galicia, Europe Direct, Erasmus for Young Entrepreneurs (xestionado por Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago), Eurodesk, Centros de Documentación Europea da UdC e da USC, Enterprise Europe Network, Erasmus+ Programas Europeos, Rede EURES e EURES Transfronteirizo.