A Maker Faire Galicia pecha o call for makers con record de proxectos presentados e avanza os primeiros contidos para a súa IX edición
A Maker Faire Galicia, que se celebrará do 1 ao 4 de xuño en formato híbrido no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, pechou esta semana a chamada a makers, onde se recibiron máis de 70 proxectos tanto a nivel nacional como internacional. O evento conta co apoio do Concello de Santiago, entre outros organismos.
Ademais desta selección de proxectos, que se dará a coñecer nas próximas semanas na páxina web do evento, a organización comezou a avanzar algúns dos contidos máis destacados das xornadas. Neles haberá referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos da educación STEAM, a intelixencia artificial, a arte, os videoxogos, a biotecnoloxía, a enerxía, a divulgación científica ou a innovación inclusiva.
A xornada da Industria, que terá lugar o 1 de xuño en horario de mañá e tarde, contará, entre outros, coa presenza de Dimitris Petrotos, arquitecto grego, fundador de Solomon Ears e 3dsGR, inventor da táboa de 11 mm, do Medusa Bungalow e creador de Laddroller, unha cadeira de rodas eléctrica resultante dun híbrido entre un exoesqueleto e unha cadeira de rodas. Ademais de Dimitris, esta xornada completarase con dúas mesas, unha sobre intelixencia artificial e outra sobre biotecnoloxía, e pecharase coa presentación dun proxecto moi ilusionante no eido da enerxía.
A xornada específica adicada ao ámbito educativo, que terá lugar o 2 de xuño, contará, entre outros, coa presenza de Samu, un Maker de Gondomar de 13 anos coñecido coma o príncipe do graffiti, e a divulgadora científica Eva Cabanelas. Ademais deles, celebrarase unha mesa no ámbito da inclusión, con varias referencias a nivel nacional, así como a presentación dun dos proxectos IOT, realizado polo alumnado, máis destacado e máis premiado dos últimos anos.
Durante as xornadas de portas abertas, que se celebrarán os días 3 e 4 de xuño e estarán dirixidas a todos os públicos, ademais de poder interactuar cos mellores proxectos do ecosistema maker a nivel internacional, realizaranse numerosas charlas e obradoiros, as cales irá revelando progresivamente a organización.
Entre os contidos máis destacados deste ano estarán a II edición do Hackathon de Tecnoloxías de Apoio, a IV edición da Game Maker JAM ou os obradoiros STEAM a cargo de VermisLAB.
A inscrición dos asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberta e é totalmente gratuíta en makerfairegalicia.com/gl.
A IX edición da Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), o Círculo Financiero de Galicia e realízase coa colaboración da Fundación Española para Ciencia e Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.