• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta de Goberno local dá luz verde á licitación do acondicionamento de 12.000 metros cadrados entre os ríos Sarela, Sar e Vilar

Data de escritura

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o "Proxecto básico e de execución relativo á operación EDUSI de restauración do entorno dos ríos Sarela, Sar e Vilar", que conta cun orzamento básico de licitación de 341.590,13 euros. Esta actuación contempla o acondicionamento de 12.050 metros cuadrados, dos que 10.000 corresponden ao ámbito sur, e 2.050 metros cadrados, ao ámbito norte.

Imaxe aérea da área que será acondicionada
Plano da contorna dos ríos Sar, Sarela e Vilar

O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (avda. de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, aos dous lados do río Sarela.

O obxectivo principal é a restauración da contorna dos ríos Sarela, Sar e Vilar, contribuíndo así ao Vector Estratéxico Patrimonial da EDUSI, mediante a mellora da accesibilidade do seu entorno inmediato e da súa calidade ambiental. Os traballos enmárcanse dentro da Liña de Actuación LA 7, destinada á recuperación e promoción do patrimonio natural.

Entre os obxectivos concretos deste proxecto figuran, ademais da recuperación ambiental; a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes; a creación de zonas de lecer e descanso; e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.

A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira.

En canto ao proxecto do ámbito sur, inclúe as seguintes actuacións: o acondicionamento da zona situada entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea; a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea; o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren; o acondicionamento da carballeira situada ao oeste do xacemento arqueolóxico; a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, entre o paso subterráneo e o río Sar; a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, xunto á súa confluencia co regato do Vilar; a continuación da senda, paralela ao Sar, ata atoparse co Camiño de Santiago Portugués; a recuperación da vexetación de ribeira dos cursos do regato do Vilar e do río Sar, na zona comprendida entre a vía férrea e o encontro co Camiño Portugués.

O primeiro tramo da senda, que continúa o camiño existente entre o aparcadoiro da rúa do Churruchao e a entrada ao castelo, conduce ao túnel que pasa por baixo da vía férrea. O acceso ao túnel realízase mediante unha escaleira de catro tramos que aproveita o noiro existente, sen afectar ós restos da muralla.

O pavimento da zona do interior do túnel será de formigón en cor gris. Na parte superior suspenderase un falso teito formado por pezas de chapa de aceiro encartada, que conduza a auga que penetra polas xuntas do prefabricado cara aos laterais. As paredes terán un tratamento similar ao do teito, cun trasdosado con paneis de aceiro encartado, nos que se integrará a iluminación. As chapas pintaranse con pintura férrica negra.

Os tramos da senda peonil construiranse cun pavimento de saburra estabilizada, utilizando áridos seleccionados de tonalidade ocre amarela. A intervención complétase co tratamento vexetal das zonas adxacentes ao carreiro así como a plantación de árbores autóctonas nos puntos nos que a recuperación do bosque de ribeira o requira.

Os paneis informativos construiranse con aceiro, con deseños emparentados cos do xacemento, de modo que a través da súa formalización establézase un fío condutor que percorra toda a senda.

No ámbito norte instalarase unha maqueta de bronce. No ámbito sur (Sar-Vilar) instalaranse cinco paneis para facilitar ao visitante a comprensión deste espazo a recuperar.

O proxecto de "Restauración do entorno dos ríos Sarela, Sar e Vilar" enmárcase dentro da operación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo á dotación económica municipal.

"Estamos", explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "cun labor de recuperación das contornas dos ríos Sar e Sarela e da súa posta en valor. Agora mesmo están en execución as sendas peonís a carón do río Sar que en principio chegan ata o Polígono da Sionlla, aínda que neste momento están cortadas polas obras do orbital", co obxectivo, engadiu, "de sumalos á senda peonil que vai unir os concellos de Santiago, Oroso, ata Cerceda. E están tamén en execución na zona de Conxo e na zona que vai desde O Milladoiro ata o Castelo da Rocha. O que sacamos a licitación é o acondicionamento da contorna e das sendas peonís" nas ribeiras do Sar, no tramo que vai desde o Castelo da Rocha ata a conexión co río Sarela". Esto permitirán, subliñou, "unir xa as actuais sendas peonís que veñen polo Sarela da zona da Peregrina co Sar ata o cruce do orbital e ata Milladoiro. Estamos falando de case 30 quilómetros de lonxitude, que tería este circuíto. Con isto quedarían conectados os dous tramos"

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o Plan director do Pazo de Raxoi, no que se documenta o estado actual no que se atopa o inmoble e os seus elementos patrimoniais; coa análise e diagnose do estado de conservación, na que se inclúen apartados específicos para as Instalacións e a Accesibilidade do edificio.

Tamén se inclúe un capítulo concreto de "Inventario e catalogación de bens mobles e dos elementos contidos no edificio" e un apartado denominado "Plan de usos e servizos compatibles", no que se fai unha proposta de plan que toma como base os usos actuais, tendo en consideración a súa posible evolución no tempo e as deficiencias detectadas nas condicións de utilización de determinados espazos do edificio. Atendendo a estes criterios establécese unha clasificación dos espazos de acordo coas súas condicións para ser utilizados como lugares de traballo de uso permanente ou ben como espazos dedicados a outros usos que no supoñan a estancia permanente de traballadores:

Outro capítulo é o apartado "Programas de ctuación xerarquizados con planificación cronolóxica" que establece unha programación das intervención de restauración ou rehabilitación no inmoble, diferenciando entre actuacións "Prioritarias", de "Curto Prazo" ou de "Medio Prazo" en función da súa urxencia. Inclúese tamén a programación de Accións de Mantemento e Libro do Edificio, detallando as actuacións que deben executarse en cada ámbito.
Dentro dos programas de actuación destacan, pola súa importancia, as relativas á accesibilidade e á eliminación de gas radón no interior do inmoble.

A mellora da accesibilidade procurarase mediante elementos (plataformas e ramplas) sobrepostos ao existente, xeralmente de carácter puntual, de modo que a solución sexa absolutamente reversible, facilmente desmontable e non deixe pegada no caso de ser retirada.

Para resolver a accesibilidade entre a planta baixa e as superiores, proponse a substitución dos dous ascensores existentes no edificio por outros con tecnoloxía de alta eficiencia enerxética, funcionamento silencioso e con foso reducido, para evitar os chanzos á entrada, e con cabinas adaptadas.

Para comunicar a planta baixa coas plantas -1 e -2 proponse a realización dunha construción exenta situada no patio que conteña un ascensor e unhas escaleiras. Esta construción tamén podería permitir o paso de instalacións xerais entre estas plantas.

Para a atenuación do gas radón dentro do edificio proponse medidas correctoras como un sistema de extracción directa do terreo mediante rede de captación a través de arquetas captadoras e/ou tubaxe perforada a 360º, conectada a extractores; así como a ventilación de espazos creando sobre-presión no interior das estancia. Poderá ser mediante sistema de ventilación xeral do edificio ou zonas, e tamén mediante equipos específicos para tal fin, individuais ou colectivos.

No apartado de "Valoración económica e planificación", realízase unha estimación do investimento necesario para a rehabilitación do edificio, de 10.042.233,85 euros; e para infraestructuras e instalacións, de 9.540.560,01 euros. En canto ao patrimonio contido no edificio valórase, no estudo, en máis de 75.000.000 de euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno local aprobou o expediente de contratación das "Obras para a eliminación de humidades no pavillón polideportivo do CEIP Pio XII", que conta cun orzamento base de licitación de 238.551,68 euros.

Documentos relacionados