PROGRAMA INVESTIGO
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, e se realiza a súa convocatoria para o exercicio 2024 (código de procedemento TR349V).
Será obxecto das subvencións reguladas na presente norma a contratación de persoas mozas, de 16 ou máis anos e que non fixesen os 30 anos no momento de comezar a relación contractual, por parte de empresas que estean a investir en investigación e innovación na realización das iniciativas de investigación e innovación recollidas nesta norma.
As actividades obxecto das axudas enmarcadas nesta orde serán desenvolvidas polas persoas capacitadas para levar a cabo proxectos de investigación en calidade de investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i, facilitarase a súa inserción laboral para contribuír a incrementar a competitividade da investigación e a innovación.
As iniciativas de innovación e investigación e as dos departamentos de I+D+i desenvolveranse preferentemente en ocupacións referidas a transición ecolóxica, a economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria), dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science, así como outras tarefas encadradas no marco da Estratexia de especialización intelixente RIS3 2021-2027. Con este programa revértese na sociedade a alta formación deste persoal. Ademais, as iniciativas poderán desenvolverse en ocupacións referidas a sanidade e investigación.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, só no caso de que non estea inscrito no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia. Os poderes inscritos no dito rexistro poderán ser comprobados de oficio polo órgano xestor.
b) Documento constitutivo da entidade, onde conste a I+D+i como a súa actividade principal e/ou memoria descritiva en que conste o proxecto de I+D+i en que está a investir a empresa, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e na cal fan constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
c) Os datos do proxecto ou actividade de investigación ou innovación que se vai realizar, en que se recollerá, así mesmo, a descrición das actividades que se van desenvolver por cada unha das categorías profesionais que se pretenden contratar, e a duración e número de contratos, así como as previsións dos custos do programa.
Poderán ter a condición de entidades beneficiarias da subvención as empresas pertencentes ao sector privado radicadas en Galicia que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación, incluídas as empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, atendendo ao previsto no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).
O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades beneficiarias deberán ter o seu domicilio social e/ou centro de traballo en Galicia.
Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades e centros que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As subvencións para a contratación destinaranse ao financiamento dos custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social, das persoas mozas que sexan contratadas para o desenvolvemento e execución das iniciativas de investigación e innovación do Programa Investigo.
Non se poderán contratar persoas mozas que desempeñasen nos 6 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude desta axuda calquera tipo de posto na mesma empresa ou grupo de empresas.
Tampouco se poderán contratar ao abeiro desta convocatoria de axudas as persoas mozas cuxos contratos foron subvencionados ao abeiro do Programa Investigo nas convocatorias dos anos 2022 e 2023.
A modalidade contractual que se utilizará será, preferentemente, o contrato indefinido. Quedan excluídos os contratos fixos descontinuos e os contratos formativos.
O período subvencionado será de 12 meses, sen prexuízo do establecido no punto 3.a) deste artigo. A xornada de traballo será a tempo completo.