• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Xa se poden retirar as entradas para a xornada “Transformando a cidade desde o cooperativismo”

Data de escritura

O Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, e a Unión de Cooperativas EspazoCoop reflexionarán sobre o poder transformador do cooperativismo e a economía social, nunha xornada que se vai celebrar o próximo mércores, 24 de setembro, no Teatro Principal. Baixo o lema “Transformando a cidade dende o cooperativismo”, o evento comezará coa representación da obra “As que limpan”, da compañía A Panadaría. As entradas xa se poden retirar na Zona C, na praza de Cervantes.

Na xornada intervirá María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago

As entradas para asistir á xornada “Transformando a cidade desde o cooperativismo son de balde, e pódense retirar na Zona C hoxe sábado e o próximo martes 23, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. 

A xornada do día 24 está organizada pola Unión de Cooperativas EspazoCoop no marco do Ano Internacional das Cooperativas 2025 e do convenio co Concello de Santiago de Compostela para impulsar o cooperativismo e a economía social na cidade. O encontro, que se celebrará desde as 9.30 ata as 13.30 horas, combinará cultura e debate a través da representación teatral “As que limpan”, a cargo da compañía A Panadaría S. Coop. Galega, seguida dunha mesa de debate sobre as potencialidades transformadoras do cooperativismo.

A partir das situacións de precariedade, desigualdade e abusos que denuncia a peza teatral trasladaranse as potencialidades do cooperativismo como elemento transformador no proceso de construción dunha cidade mellor e máis participativa.

Programa da xornada

09:30 | Apertura de portas

10:00 | Representación “As que limpan” pola compañía A Panadaría, S. Coop. Galega (90 minutos)

11:45 | Presentación do Ano Internacional do Cooperativismo 2025

12:00 | Coloquio”Transformando a cidade dende o cooperativismo”

Na xornada intervirá María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago, e no coloquio está prevista a participación de representantes das cooperativas A Panadaría, 7H, Cidadanía e Maos.

A programación conta co financiamiento do Concello de Santiago, a través do programa Feito en Santiago que impulsa o departamento de Promoción Económica.