Comeza “Artesanamente”, un mercado que reivindica o valor cultural, social e económico da artesanía
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa, María Rozas, reivindicaron hoxe o valor cultural e social da artesanía e confirmaron a aposta do Concello de Santiago pola recuperación dos oficios tradicionais no marco da diversificación económica de Compostela.
Foi na inauguración do mercado “Artesanamente”, que se celebra ata o domingo con expositores de medio cento de marcas, exhibicións ao vivo, e numerosas actividades paralelas.

Na súa intervención no acto de inauguración de “Artesanamente”, a alcaldesa enmarcou o impulso deste mercado desde o Concello “na aposta por un novo modelo máis sustentable, que conecte os mundos rural e urbano, que mostre que se pode vivir máis lento, e que é posible un turismo diferente que afonde na nosa identidade”. Para Goretti Sanmartín, “esta é a maior transformación social que debemos impulsar, unha transformación que tamén tén que ver coa igualdade porque moitas das marcas presentes no mercado son iniciativas de traballo feminino”.
Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, reivindicou o labor dos artesáns e artesás “que fan un exercicio de valentía indo contracorrente nun mundo cada vez máis globalizado, homoxéneo e da compra compulsiva a golpe de click, marcando o camiño do que debe ser un consumo máis responsable, máis sustentable e con maior consciencia”. A tenenta de alcaldesa tamén reivindicou a importancia económica do sector, e monstrou o seu desexo de que iniciativas coma esta “sexan un escaparate para garantir tamén o relevo xeracional en oficios que están en perigo de desaparecer”.
Poñendo en valor o talento local
O mercado “Artesanamente”, patrocinado polo departamento municipal de Comercio, estase a desenvolver na sede de AFundación, na rúa do Vilar, ata o domingo. O evento está concibido como un espazo singular para darlle visibilidade ao talento dos artesáns e artesás locais, cunha selección de produtos únicos elaborados en Galicia. Un total de 25 artesáns e artesás de toda Galicia mostran e venden os seus produtos, xunto con 23 marcas de artesanía alimentaria. Deste modo, xúntanse nun mesmo espazo marcas e produtos que van desde a xoiaría, a forxa ou a cesteiría ata a cervexa, os xeados artesáns ou os viños e embutidos.
Ademais dos diferentes postos de artesanía, “Artesanamente” inclúe unha programación paralela moi ambiciosa, con exhibicións ao vivo, faladoiros, e mesmo un desfile da Asociación do Traxe Galego.