Terceira edición do programa BIND 4.0
A Axencia Galega de Innovación e o IGAPE, organizan unha xornada o próximo día 30 de xullo, no hotel AC Palacio del Carmen, dende as 11:00 horas ás 13:00 horas, sobre a terceira edición programa BIND 4.0, aceleradora de startups no ámbito da Industria 4.0 do País Vasco.
O obxectivo que persegue esta presentación é atraer o talento e a innovación de empresas emerxentes galegas para invitalas a participar na nova convocatoria onde poderán optar a contratos de ata 150.000 euros cunha empresa tractora, mentoring, networking e un completo programa formativo. Na pasada edición, o programa contou coa inscrición de 3 startups galegas, das que 1 foi seleccionada.
BIND 4.0 é unha iniciativa do goberno vasco de carácter internacional dirixida a impulsar o desenvolvemento das mellores startups con solucións baseadas nas novas tecnoloxías da industria 4.0 (Big data, realidade virtual/aumentada, robótica colaborativa, ciberseguridade, Internet of things, impresión 3D, etc…) e aplicadas aos ámbitos da manufactura avanzada, a enerxía e a saúde.
É un programa de aceleración de 24 semanas onde as startups, ademais de desenvolver un proxecto remunerado cunha das empresas industriais colaboradoras, dispoñen dun programa intensivo de servizos de apoio e actividades.