Programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia
O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e a consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de setembro de 2017 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución.
O programa Emega comprende as seguintes liñas e axudas complementarias:
Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.
Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico. As ditas medidas, en ningún caso, poderán supor destrución do emprego existente por conta propia e allea.
Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
Dual: axuda complementaria para incentivar a participación no programa de titorización que estableza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria a través das liñas Emprende, Activa, Innova ou ITEF.