A Cámara e o Concello de Santiago asinan un acordo para organizar conxuntamente actuacións destinadas a fomentar o emprendemento e a internacionalización
A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago asinaron un convenio de colaboración para organizar conxuntamente actividades formativas e de difusión sobre emprendemento e creación de empresas e internacionalización para o ano 2017. O acordo foi asinado polo vicepresidente da Cámara, Evaristo Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
Ambas entidades ofrecerán conxuntamente servizos de información, asesoramento e titorización de proxectos empresariais para contribuír á posta en marcha de novas actividades empresariais, incidindo de modo especial na súa sustentabilidade e competitividade ao longo tempo. Desenvolveranse actuacións destinadas a emprender e xestar ideas empresariais, a desenvolver e crear estas empresas e finalmente procurar a súa consolidación. Ademais, inclúese un apartado destinado a organizar accións enfocadas á transmisión e cese da actividade empresarial.