Bolsas de Xerencia en Cooperativas do ano 2018
No marco do Proxecto CONSOLIDAGAL, incluído no Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020, e dentro do Programa de actuación 2018 da Rede Eusumo, a Unión de Cooperativas Espazocoop pon en marcha o seu Programa de Bolsas de Xerencia en Cooperativas que ten como obxectivo traballar na mellora e consolidación das cooperativas mediante a profesionalización das súas xerencias e o incremento na capacitación das persoas socias traballadoras, así como daquelas outras seleccionadas para a realización do proceso de aprendizaxe e titorización en xerencia cooperativa.
A finalidade do programa é mellorar as condicións nas que as cooperativas confrontan a función xerencial. O programa é de carácter gratuíto para a cooperativa.
As persoas bolseiras seguen un Plan de Traballo, un programa formativo, teórico e práctico, de xerencia en cooperativas, trátase de desenvolver un plan para a mellora xerencial na cooperativa. As bolseiras serán tituladas que contarán cunha persoa titora que se encarga de realizar seguimento e acompañamento dos traballos prácticos que fai na cooperativa, como poden ser: acadar información relevante dos distintos ámbitos da cooperativa, analizar as diferentes áreas, ordear a información acadada, realizar propostas, planificar, aplicar as accións de mellora que decida a cooperativa, realizar o seguimento das medidas tomadas na cooperativa, etc.
Para cada cooperativa beneficiaria dunha bolsa, os traballos que se realicen, terán un certo grao de adaptación ás necesidades e demandas que a cooperativa manifeste ou que se detecte máis necesaria na área xerencial.
Con preferencia poden solicitalas as cooperativas asociadas a Espazocoop e, no caso de que non se cubran as prazas, outras cooperativas solicitantes do programa que teñan interese en mellorar o labor xerencial e que non teñan persoal concreto e/ou profesionalizado para a xerencia .
As cooperativas que sexan beneficiarias de bolsa, por un lado, terán dereito a dispor dunha persoa bolseira na área xerencial da cooperativa, con acompañamento dunha persoa titora de Espazocoop, e por outro lado, adquirirán certas obrigas ou compromisos (de participación no programa, de atención e colaboración coa persoa bolseira, etc.) Na cooperativa deben existir unhas condicións mínimas de atención e dedicación á bolsa e á persoa bolseira, tanto para que poida desenvolver os traballos encomendados, como para que a cooperativa tire proveito e contribúa á boa marcha da bolsa .