Seis proxectos da USC reciben 11.000 euros en premios para afianzarse como empresas
Premios económicos por valor de 11.000 euros e a posibilidade de beneficiarse durante seis meses dos servizos de Emprendia permitirán aos seis grupos gañadores do XVI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC afianzarse como empresas e poñer os seus avances ao servizo da sociedade.
Os gañadores foron HGBeyond, que fabrica lentes de contacto medicalizadas; Biorecovery, centrado na industria agroalimentaria e a posta en valor de fertilizantes agrícolas a partir dos residuos de sangue dos matadoiros; Pharmatox- Lab, que ofrece un importante avance nas análises das ciencias forenses e as toxicoloxías; E- Wear Technologies, que pretende comercializar un reloxo intelixente que avisa sobre a medicación de persoas de avanzada idade ou con enfermidades neurológicas; Ayeconomics, especializada na posta en marcha de políticas novas para cuestións socieconómicas, e Coeduca, que implanta plans de igualdade na educación con metodoloxía finlandesa.