Xornada gratuíta para que as empresas coñezan as posibilidades do marketing online
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará o vindeiro 31 de outubro unha xornada gratuíta sobre marketing online, titulada “Como atraer visitantes ao meu sitio web?”, co obxecto de dar a coñecer a pemes e autónomos distintas posibilidades de desenvolvemento empresarial a través de internet.
Na xornada realizarase unha introdución ao conxunto de accións que as empresas poden facer en internet para darse a coñecer, xerar clientes potenciais e mesmo vendas online.
Tamén se exporán as principais características do TICCámaras, un programa de axudas para pemes e autónomos que aporta solucións para mellorar a competitividade das empresas a través da incorporación de novas tecnoloxías. As empresas poderán incorporar novas tecnoloxías mediante a implantación dun plan de desenvolvemento tecnolóxico, subvencionado ata un 80% polo FEDER para investimentos dun máximo de 7.000 euros, e o 20% adicional estará financiado pola Cámara de Comercio e as propias empresas beneficiarias.