• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Concesión dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017

Data de escritura

A Universidade de Santiago de Compostela obtén dous dos tres premios convocados pola Real Academia Galega de Ciencias para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.

O premio ao mellor traballo de investigación aplicada recae nunha nova tecnoloxía da USC que permite valorizar o sangue dos matadoiros como fariña con aplicacións en alimentación animal, fertilizantes e cosméticos, entre outros usos. Esta investigación realizouse no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela.

Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, correspóndelle a HGBeyond Materials Science. Esta spin-off nacida na Universidade de Santiago de Compostela en 2015 baixo o nome Lentimed, desenvolveu, en colaboración co Grupo I+D Farma da USC, hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo. O seu primeiro desenvolvemento é unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular.

Os premios acadados por investigacións realizadas na USC comparten galardón, na categorías de grandes empresas, con BorgWarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional Borgwarner, con sede en Vigo (Pontevedra). A colaboración co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo (UVigo) permitiulle á empresa desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos.