AXUDAS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS SANTIAGO INVESTORS SUPPORT 2014
O programa Santiago Investors Support, do Departamento de Economía, comezou no ano 2013 unha nova liña de axudas a emprendedores, cun orzamento de 100.000 euros. O Santiago Investors Support naceu no segundo semestre do 2011 como un programa vertebrador de todas as accións que se desenvolvían dende a Área de Economía do Concello co obxecto de dinamizar a vida empresarial da cidade. Esta segunda convocatoria da liña de axudas a persoas emprendedoras é un paso máis na consolidación do programa e tamén representa a importancia que ten para o goberno municipal o fomento da cultura emprendedora como unha das principais vías para poder superar a situación económica actual.
Para a concesión das axudas estudarase o proxecto empresarial, no que se valorará especialmente a contribución da idea empresarial ao desenvolvemento de sectores estratéxicos da economía de Santiago, como as industrias creativas, novos produtos turísticos, prestacións de servizos para mellorar a calidade de vida dos cidadáns ou actividades baseadas na explotación comercial de resultados de proxectos de investigación da USC. Ademais, tamén se valorará dun xeito importante a creación de postos de traballo realizados pola empresa, o uso do galego e a localización da actividade dentro do ámbito de actuación do Plan Histórico
Poderán resultar beneficiarios das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:
ª Iniciar a súa actividade entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 30 de maio de 2014
ª Aos efectos deste programa enténdese como data de inicio de actividade aquela na que a persoa solicitante cause alta no IAE ou no seu caso no censo de obrigados tributarios.
ª Ter a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago.
ª A súa actividade empresarial sexa viable económica, financeira e tecnicamente.
ª Non percibisen subvencións ao abeiro deste programa nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
ª Non desenvolvesen a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade.
ª Non poderán ser persoas beneficiarias da presente subvención as persoas xurídicas resultado da fusión doutras pre-existentes que non cumpriran os requisitos previstos na presente cláusula, así como os solicitantes que se amparen para acreditar o cumprimento da condición de beneficiario en meros cambios de denominación, domicilio social ou calquera modificación nos estatutos.