Cersia acolle un coloquio de catro persoas emprendoras dentro do proxecto "O Forno dos Soños"
Catro persoas emprendoras compartirán as súas múltiples experiencias nun café-coloquio que terá lugar o 27 de outubro, de 10 a 13 horas, no edificio municipal do Cersia, no barrio de San Lázaro. Esta acción enmárcase no proxecto “O Forno dos Soños”, co que a concellería de Promoción Económica pretende fomentar a cultura emprendedora na cidade.
“O Forno dos soños” é un programa de innovación social para o fomento do emprendemento que se desenvolve a través da creación dun entorno colaborativo no que se traballan, a través de diversas xornadas de formación e de traballo en equipo, todas aquelas competencias transversais que son precisas para levar unha idea de negocio á práctica.
O café-coloquio contará con catro experiencias emprendedoras de utilidade para calquera persoa que se plantexe iniciar unha actividade por conta propia. Terá un formato cercano, compartindo mesa, charlando, escoitando, preguntando, a catro persoas, catro perfís diferentes, catro pequenas empresas que pasaron por múltiples vivencias para conseguir consolidar os seus proxectos.
Ás 10.00 contará a súa experiencia Leonor Díaz, da tenda Como pez en el agua, que se atopa no Barrio de San Pedro. Leonor contará a experiencia dunha persoa que emprende para poder vivir do que lle gusta facer.
Ás 10:30 será o turno de Manuel Carballada, que exporá o caso daquela persoa que decide emprender pero que non ten éxito na súa primeira tentativa. Sen embargo, lonxe de abandonar aprende dos erros cometidos e decide voltar a tentalo.
Ás 11:00 intervirá Lourdes Dourado cun caso de emprendemento que se está a levar a cabo na actualidade por parte dunha emprendedora con case cincuenta anos, un traballo estable e unha dilatada experiencia laboral.
Finalmente, ás 11:30, exporase o caso de Ana Berta Domínguez, de Doutroxeito Coworking, unha persoa que emprende con éxito unha vez, e que logo volve a emprender con novos proxectos.