Xornada de presentación do proxecto ANATOLE
- Traballar na adopción de políticas e estratexias que favorezan o desenvolvemento da economía de proximidade.
- Promocionar a produción local dos territorios rurais periféricos a Santiago, co fin de favorecer a súa comercialización e consumo nos mercados de proximidade.
- Establecer un modelo innovador na organización da economía de proximidade que favoreza un desenvolvemento urbano-rural sustentable, con capacidade de transferencia e aplicación noutros territorios.
- Crear unha rede europea de intercambio de experiencias e creación de novos modelos de organización para unha economía de proximidade con dimensión atlántica.
Financiado polo programa europeo Espazo Atlántico con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), o Proxecto Anatole analiza as posiblidades de comercialización que o sector agrario ten no ámbito urbano a través do desenvolvemento de mercados de proximidade. Un desenvolvemento que conleva efectos positivos para o medio ambiente, para os modelos de consumo urbanos, e para a creación de postos de traballo asociados á creación de actividade económica. Ademais, os resultados desta análise poden ser beneficiosos na redacción e aplicación de políticas relacionadas co sector agrario local, que non sempre atopa canles para a promoción e venda dos seus produtos no entorno máis próximo (a pesares da alta valoración que teñen entre os/as consumidores/as); coa artesanía, un sector moi dinámico e vinculado ao Camiño de Santiago, que ofrece unha oportunidade para o desenvolvemento de proxectos de dinamización; e coa enogastronomía, un eido no que Compostela pode aportar a experiencia adquirida na organización de eventos como o Fórum Gastronómico.
No Proxecto Anatole participan tres modalidades de socios do espazo atlántico europeo: os socios operadores técnicos, as cidades asociadas, e a CAVV (Conférence des Villes de L'Arc Atlantique). O promotor do proxecto é AC3A de Francia (Asociación de Cámaras de Agricultura do Arco Atlántico francés). Os operadores técnicos son a Deputación de Huelva, IMK (Itsasmendikoi), ADTERRA, IERU, Nantes Metropole, Irish Exporters / Weasthmeath, e Community Development. As cidades asociadas son Huelva, San Sebastián, Santiago de Compostela, Aveiro, Nantes, e Dublín.
O promotor institucional do proxecto en Galicia é a concellaría de Promoción Económica e Turismo de Santiago de Compostela, e o operador técnico a asociación ADTERRA. O territorio rural de incidencia é o correspondente ao GDR 24 Terras de Compostela do Programa LEADER, no que está integrado Santiago.