• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Goretti Sanmartín defende a axenda urbana como unha oportunidade para planificar a Compostela dos próximos dez anos, no marco do III Foro Urbano estatal

Data de escritura

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, participou esta tarde na mesa “A Axenda Urbana como Ferramenta de Gobernanza”, no marco do III Foro Urbano que organiza o Ministerio de Vivenda na Coruña. A rexedora compostelá expuxo, como exemplo de boas prácticas, as fórmulas que ten activas o Concello para promover a participación social, como son os consellos municipais, os orzamentos participativos para a mocidade, o Consello Económico e Social ou o Foro de Turismo Sustentable, cuxo regulamento se está ultimando actualmente.

“A axenda urbana ten unha importancia especial á hora de deixar atrás axendas curtopracistas e planificar cidades e concellos no medio prazo, con proxectos que superen un único mandato e, no noso caso, que transformen Compostela a dez anos vista” asegurou Goretti Sanmartín no inicio da súa intervención.

A rexedora compostelá fixo un repaso polas principais iniciativas estratéxicas que se están levando a cabo desde o Goberno municipal poñendo o foco en que no seu conxunto o que perseguen é “desestresar a cidade, facela máis habitable e que primen a forma de relacionarse entre as persoas e de relacionarse co territorio”. Neste sentido, explicou que esa “forma de relacionarse” implica as formas de mobilidade branda, a forma de producir, de consumir ou de educar. 

No seu relatorio, mencionou proxectos como o da plataforma loxística de distribución de mercadorías para cambiar o peso do transporte de mercadorías na cidade histórica, ou o concurso de ideas para o conector central de cara a repensar o deseño urbano do principal eixo do centro da cidade. Tamén fixo mención ao papel do comercio como elemento fundamental de relación e citou as medidas para limitar as tendas de recordos e impulsar a función comercial no centro de Santiago e evitar que os fluxos comerciais se despracen cara aos polígonos industriais. Ademais, no eido da vivenda explicou as medidas que se están implementando para favorecer o acceso á vivenda, coa vista posta principalmente na vivenda en aluguer, ao tempo que salientou o esultado de activar por vez primeira o Rexistro de Soares que, actualmente, xa permite que vivendas en ruínas foran subastadas e poidan ter vida de novo.

Os órganos de participación

No apartado de exemplos de boas prácticas baseados na participación social, a alcaldesa centrouse nos consellos municipais sectoriais, formais e regulados, moitos deles reactivados no presente mandato, así como nos orzamentos participativos para a mocidade, no Consello Económico e Social e no Foro de Turismo Sustentable, cuxo regulamento se está ultimando.

Así, a rexedora lembrou que o Foro de Turismo Sustentable funcionará como un órgano de participación para todo o relacionado coas políticas municipais de turismo e que dará cabida a institucións, persoas expertas en turimos, actores económicos, actores cívicos e asociacións veciñais. Neste ámbito, Goretti Sanmartín insistiu na importancia de traballar a prol dun modelo de turismo consciente e responsable e volveu lembrar a máxima coa que se traballa en Compostela de que “o que é bo para as persoas que viven aquí, é bo para as persoas que nos visitan”. 

A alcaldesa de Santiago compartiu mesa redonda coa presidenta da Diputación de Barcelona, Lluïsa Moret Sabidó, co alcalde de Lorquí, Joaquín Hernández, e co alcalde de Lalín, Xosé Crespo. A mesa estivo moderada pola arquitecta e urbanista Carmen Mota.