• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

V Xornada Emprende en Compostela

Baixo o título a "Competitividade e innovación para o emprendemento e o crecemento empresarial", a Concellaría de Promoción Económica organizou unha nova xornada para persoas emprendedoras e empresas. Celebrada o 18 de maio no Pazo de Congresos, inscribíronse 259 persoas.

O encontro estivo dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos, ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dun negocio, e ás empresas de Compostela que precisaran promocionarse e darse a coñecer no mercado. A asistencia era de balde.

Este ano a xornada contou con unha novidade: un triple espazo publicitario gratuíto para as empresas de Santiago. Podían promocionar os servizos e produtos que ofrecen de tres formas: en soporte papel, mediante folletos informativos; en soporte audiovisual, mediante anuncios; ou a través de presentacións comerciais duns dez minutos, realizadas por algún representante da empresa. As empresas interesadas podían inscribirse ata o 3 de maio, nos FORMULARIOS habilitados para cada unha das modalidades. Unha vez realizada a inscrición, o persoal da Concellaría de Promoción Económica indicoulle a forma de presentación do material promocional.

Baixo a denominación de Competitividade e innovación  para o emprendemento e o crecemento empresarial o programa desta quinta edición foi deseñado tendo en conta o actual contexto económico, intentando adaptalo, o máis posible, ás demandas de información e ás necesidades actuais das persoas emprendedoras (utilizacion de novas tecnoloxías, innovacion, estratexias  para gañar competitividade, etc.) detectadas pola Concellaría de Promoción Económica a través do Servizo de Apoio á Empresa.

Igual que en edicións anteriores, o programa de actividades estivo concebido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes puidesen intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. As persoas inscritas na xornada puideron participar en distintos obradoiros para o emprendemento;  coñecer as estratexias para emprender e mellorar a competitividade empresarial; saber cales son os retos que debe afrontar un/unha emprendedor/a tecnolóxico; coñecer, a través dun panel de experiencias, como construír e financiar proxectos empresariais; e coñecer as axudas á creación e consolidación de empresas do programa Compostela Activa 2010 e a experiencia de Abastos 2.0, Premio Xuventude do Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2009. Igual que en edicións anteriores tivo lugar unha comida-encontro entre emprendedores/as recentes e técnicos/as, enmarcada na Rede de Cooperación Local, un programa que ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial e empresarial de Compostela a través da colaboración entre administracións, o mundo empresarial e a USC.

O prazo para APUNTARSE comezou o 20 de abril e finalizou o 14 de maio. Se a algunha persoa non lle deu tempo a inscribirse puido facelo o mesmo día do encontro no stand de Promoción Económica onde se entregaron as acreditacións. Para a asistencia á xornada fletáronse dous autobuses gratuítos con saída desde o Campus Sur e desde o Campus Norte cara o Pazo de Exposicións e Congresos.

Ademais das poñencias, obradoiros, e paneis de experiencias programados, houbo:

• Reparto de lápices de memoria de 2GB con información sobre oportunidades de negocio e constitución de novas empresas.
• Stands informativos de Concellaría de Promoción Económica, Xunta de Galicia (BIC Galicia), IGAPE, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, USC, Em Rede, AJE Marineda, Caixa Galicia e La Caixa.
• Punto de asesoramento para persoas emprendedoras: con información da Concellaría de Promoción Económica sobre o Servizo de Apoio á Empresa e sobre iniciativas locais de emprego; da USC sobre empresas de base tecnolóxica; e da Cámara de Comercio sobre viveiros empresariais.
• Triple espazo promocional para empresas de Compostela. Podían distribuír información impresa, presentar directamente a actividade e servizos que ofrecen (horarios limitados e pechados) e promocionarse en soporte audiovisual mediante anuncios publicitarios.
• Espazo con acceso a páxinas web e consulta on line dos principais recursos de apoio ao emprendemento que se poden atopar na rede. Centrouse na utilidaden das redes sociais para empresas e persoas emprendedoras. Tanto neste espazo,como o triple espazo promocional para empresas contaron coa animación do mago Victor Grande.

A V Xornada Emprende en Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Bic Galicia, está cofinanciada pola Deputación de A Coruña. Conta coa colaboración das seguintes entidades: USC-UNINOVA, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, IGAPE, AEPIT (Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre), AJE Marineda (Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña), Em Rede (Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca), Afigal, Obra Social Caixa Galicia, La Caixa e Iniciador.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición