2ª fase: Plan de mellora para os comercios en activo. Concurso de Proxectos.
Baixo o lema A túa estratexia é o noso mellor plan. Participa, a Concellaría de Promoción Económica e Comercio organiza o Plan de Mellora para os comercios en activo, dividido en dúas fases. Na primeira realizouse unha diagnose de balde (informe de necesidades) dos estabelecementos que o solicitaron. Agora ábrese a segunda fase, o Concurso de Proxectos, unha convocatoria de axudas, con 25.500 euros en premios, co obxectivo de axudar aos comercios de Santiago no proceso de modernización dos seus negocios.
Co obxectivo de incentivar a aplicación das melloras ou solucións propostas no informe de necesidades, ábrese a segunda fase do Plan de mellora para os comercios en activo: o Concurso de proxectos. Nesta convocatoria poderán participar todos os estabelecementos comerciais de Santiago de Compostela, aínda que non participaran na primeira fase, que presenten un proxecto comercial vinculado ás tres áreas vinculadas ás tres categorías do concurso. Son:
- Decoración e interiorismo: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.
- Xestión de stocks e planificación de custes: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.
- Análise da oferta comercial: con tres premios de 5.000, 2.500 e 1.000 euros.
O orzamento do proxecto comercial presentado determinará, en atención as consideracións recollidas a continuación, a posibilidade de optar ao 1º, 2º ou 3º premio dentro da categoría correspondente. O premio poderá alcanzar o 100% do custe da execución do proxecto, co límite das contías sinaladas (5.000, 2.500 e 1.000 euros). Será compatible con outras axudas, sempre que a suma total das axudas obtidas, incluído o premio concedido, non excedan do custe total da execución do proxecto.
As inscricións formalizaranse por escrito, mediante instancia oficial, que se deberá presentar en calquera dos rexistros do Concello de Santiago ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 LRXPAC. As persoas interesdas deberán presentar unha instancia por cada unha das categorías do concurso ás que se presente, acompañada da documentación recollida nas bases do concurso. Para a presentación das solicitudes de participación, as persoas interesadas poden contar co asesoramento do Servizo de Apoio á Empresa, a través do Servizo de Asesoramento ao Emprendemento da Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello de Santiago.
Poderán participar todas as persoas físicas ou xurídicas con estabelecemento comercial de venda polo miúdo aberto no municipio de Santiago de Compostela.