• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A competitividade das empresas en tempos de crise

O seminario A competitividade das empresas en tempos de crise está organizado por REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local. Ten como obxectivo reflexionar sobre os aspectos clave a traballar dende a administración, as empresas e a sociedade, e informar sobre as actuacións que se están desenvolvendo para mellorar a competitividade das empresas. Celébrase no Hotel Hiberus de Zaragoza o 26 de marzo. Nel participa a Concellaría de Promoción Económica.

Aproveitando este encontro desenvolverase unha Asamblea Xeral de REDEL, o taller de formación Ferramentas para o desenvolvemento de competencias transversais de importancia clave para a empregabilidade nos programas de formación e emprego en alternancia, ao que asisten técnicos de Promoción Económica; e o Encontro de Emprendedores: Sector Medioambiental, no que participan 45 empresas. É o terceiro encontro destas características organizado por REDEL. O primeiro, celebrado en febreiro de 2009 na localidade madrileña de Xetafe, reuniu a empresariado do sector aeroespacial. O segundo tivo lugar en setembro pasado en Palma de Mallorca, e nel participaron persoas emprendedoras e empresariado relacionado co turismo.

REDEL é unha entidade supramunicipal que se constituíu o 1 de marzo do 2007, tras  un período de reflexión no que se debateu a filosofía e obxectivos da organización, nunha serie de encontros aos que asistiu Xosé Manuel Iglesias.  Ademais do Concello de Santiago, REDEL está integrada polas seguintes entidades de desenvolvemento local: Deputación de Barcelona, Madrid Emprende, Barcelona Activa, IMFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, IMEFEZ-Zaragoza, e Garapen. A presidencia exércea a entidade vasca Garapen, a vicepresidencia Barcelona Activa e a secretaría e tesourería a Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón.  A primeira asemblea de REDEL celebrouse en Santiago os días 27 e 28 de setembro do 2007. Neste encontro concretáronse as tres liñas de acción contempladas no Plan de Actuación. Santiago participa na liña de acción tres, en dúas das catro áreas de actuación: son Promoción Económica e Emprendemento. Despois desta data tiveron lugar outros catro encontros, unha asemblea xeral celebrada en marzo de 2008 en Xixón, unha xornada de lanzamento de REDEL que se desenvolveu en Barcelona en xullo de 2008, e os encontros celebrados en febreiro de 2009 en Xetafe, e en setembro en Palma de Mallorca.   

Os obxectivos de REDEL son reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construír un modelo desde unha identidade común. Esta rede tamén se configura como un instrumento para actuar conxuntamente ante entidades públicas e privadas coa finalidade de  impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.