Axudas para a creación de novas empresas
A convocatoria de Axudas para a creación de novas empresas ten como obxectivo axudar económicamente aos novos proxectos empresariais a consolidar os seus negocios. En 2007 beneficiáronse destes incentivos 23 novas empresas de Santiago.
Esta liña de incentivos, á que se presentaron 35 proxectos empresariais, contou cun orzamento de 40.000 euros. Cada proxecto presentado podía percibir ata 2.000 euros, que podían cubrir o 100% dos gastos subvencionabeis. Tiñan a consideración de gastos subvencionabeis os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007 nos seguintes conceptos e excluídos impostos: existencias iniciais de mercadorías, gastos de arrendamentos: locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes, gastos de formalización de constitución da sociedade se é o caso.
Nesta edición podían optar a Axudas para a creación de novas empresas aquelas firmas con sede no Concello de Santiago que iniciaran a súa actividade entre o 1 de outubro de 2006 e o 31 de agosto de 2007.