IV Xornada Emprende en Compostela
O 27 de outubro celebrouse no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia, en Santiago, a IV Xornada Emprende en Compostela, á que asistiron 521 persoas, e na que o Ministerio de Traballo presentou, por primeira vez en Galicia, Rede Traball@. O encontro, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Bic Galicia, tivo como obxectivo fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participaron distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego.
Baixo a denominación de Estratexias para o emprendemento en tempos de crise, o programa desta cuarta edición foi deseñado tendo en conta o actual contexto económico, intentando adaptalo, o máis posible, ás demandas de información e ás necesidades actuais das persoas emprendedoras (utilización de novas tecnoloxías, innovación, medidas para afrontar a crise, etc.) detectadas pola Concellaría de Promoción Económica a través do Servizo de Apoio á Empresa. Durante a xornada repartíronse lapis de memoria de 2 GB con información sobre oportunidades de negocio, constitución de novas empresas, estudos de viabilidade, estadísticas da evolución económica da cidade, etc.
O programa de actividades concibiuse dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes puideran intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. As persoas que asistiron á xornada puideron participar en distintos obradoiros para o emprendemento; e coñecer as novas axudas e estratexias para montar un negocio en tempos de crise, distintas iniciativas de cooperación empresarial, e a experiencia de novas empresas. Igual que en edicións anteriores tivo lugar unha comida-encontro entre emprendedores/as recentes e técnicos/as, enmarcada na Rede de Cooperación Local, un programa que ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial e empresarial de Compostela a través da colaboración entre administracións, o mundo empresarial e a USC. No transcurso deste acto presentouse aos asistentes Rede Traball@.
Rede Traball@, deseñada polo Ministerio de Traballo, é un paso máis na coñecida como Administración Electrónica e ten como obxectivo facilitar a procura de emprego á cidadanía, ofrecendo recursos e servizos en liña para persoas desempregadas, empresas, persoas ocupadas e empresariado. Ademais permite ás persoas desempregadas solicitar a súa prestación sen ter que acudir ás oficinas do INEM e sirve, ademais, como punto de encontro entre quen ofrece un emprego e quen o demanda.
Na xornada habilitouse un espazo específico, no que se instalaron oito ordenadores con conexión á web: www.redtrabaja.es. Esta páxina ten como obxectivo facilitar a procura de emprego á cidadanía, ofrecendo recursos e servizos en liña para persoas desempregadas, empresas, persoas ocupadas e empresariado. As persoas que acceden poden informarse sobre o seu funcionamento e os servizos que ofrece, e incluso, tramitar algún deses servizos sempre que teñan DNI electrónico. Ademais explicouse o manexo da nova ferramenta web ao empresariado e a persoas ocupadas e persoas desempregadas. Nestas sesións participaron 102 persoas.
Ademais, a Concellaría de Promoción Económica instalou Punto de Asesoramento para persoas emprendedoras, no que se ofreceu, igual que no lapis de memoria, información sobre oportunidades de negocio; creación, constitución e desenvolvemento de empresas; iniciativas locais de emprego; e sobre o Servizo de Apoio á Empresa. Este servizo pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios. Pola súa banda, as distintas entidades participantes contaban con stands nos que se informou ás persoas asistentes sobre os servizos e produtos que ofrecen relacionados co emprendemento.
A IV Xornada Emprende en Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Bic Galicia, estivo cofinanciada pola Deputación de A Coruña. Contou coa colaboración das seguintes entidades: AJE Marineda (Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña), Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Em Rede (Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca), USC (UNINOVA), Obra Social Caixa Galicia, La Caixa e a empresa Artefacto Producciones.
Para a asistencia á xornada fretáronse dous autobuses gratuítos con saída desde o Campus Sur e desde o Campus Norte cara o Pazo de Exposicións e Congresos. O encontro estivo dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa. A asistencia era de balde. As persoas interesadas puideron inscribirse no formulario habilitado na web INSCRICIÓN EN IV XORNADA EMPRENDE EN COMPOSTELA
Este ano a xornada contou cunha novidade: un espazo de promoción gratuíto para as empresas de Santiago, no que puideron informar ás persoas e entidades participantes sobre os servizos e produtos que ofrecen. As empresas interesadas tiñan que inscribirse no formulario de INSCRICIÓN DE EMPRESAS EN ESPAZO PROMOCIONAL. A documentación para repartir, enviárona ás Oficinas de Promoción Económica.