Compostela para investir
Santiago de Compostela é unha cidade moderna e competitiva, con interesantes potencialidades en materia económica. A Concellaría de Promoción Económica e Emprego traballa para difundir eses atractivos e atraer así capital foráneo. Faino a través do programa Compostela para investir, que ten un dobre obxectivo: promocionar as empresas de Compostela no exterior e atraer a novos investidores ao noso Concello.

No marco deste programa a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo organizou entre o 1 e o 6 de xuño de 2008, unha misión para promocionar Santiago en Salvador de Bahía. A misión, encabezada polo Concelleiro Xosé Manuel Iglesias, estaba integrada por representantes do sector empresarial da cidade, do ámbito da USC, e do sector turístico.
As distintas actividades programáronse tendo en conta o crecemento económico experimentado polo Estado de Bahía na última década, moi superior á media do Brasil. Este crecemento propiciou a aparición de novos segmentos poboacionais con capacidade económica para consumir produtos turísticos que teñen como destino Europa.
Santiago está na mellor das disposicións para ser receptora desta demanda potencial. Ademais, este crecemento foi posible grazas a sectores industriais como transportes, comunicación e saneamento, xa consolidados no tecido empresarial compostelá, o que abre a posibilidade para que Santiago acolla no futuro unha misión empresarial procedente do estado da Bahía.
A misión tivo como principais obxectivos reforzar o contacto institucional coas administracións competentes do Estado da Bahía en aspectos relacionados coa economía e o turismo; consolidar lazos con asociacións que aglutinan á diáspora galega asentada na Bahía e coñecer os proxectos desa comunidade relacionados co Camiño de Santiago; e promocionar turisticamente Compostela, nun contorno brasileiro sensible cara as diferentes rutas do Camiño.
No ano 2007 xa se estableceran contactos cos axentes económicos, autoridades políticas, xestores turísticos e empresariado galego do Estado da Bahía nunha visita realizada polo Concelleiro Xosé Manuel Iglesias entre o 29 de outubro e o 2 de novembro.