Do 30 de novembro ao 02 de decembro: EIBTM de Barcelona
O Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo de Turismo de Santiago para a promoción da cidade como destino de congresos, convencións e viaxes de incentivos, asistirá entre mañá e o día 2 de decembro á EIBTM de Barcelona, un dos eventos máis importantes de Europa para profesionais do sector.
O SCCB terá un espazo no mostrador de Turgalicia, e tamén estará presente no mostrador da Spain Convention Bureau, asociación que reune a 49 destinos de congresos de todo o Estado, e onde se ofrecerá información da nosa cidade. Ambos mostradores están no stand de Turespaña.
Durante as tres xornadas de duración da EIBTM, os técnicos do SCCB manterán unha axenda de reunións cos responsables da organización de viaxes de negocios, congresos e conferencias co obxetivo de amosar ao sector a idoneidade das infraestruturas e provedores cos que conta Santiago para albergar e organizar calquera tipo de evento: instalacións para reunións, espazos singulares, hoteis, restaurantes, axencias organizadoras de eventos, etc.. e demostrar a súa capacidade para atraer á cidade eventos destacados, estatais e internacionais, convertindo a cidade de Santiago en destino de referencia para todos os sectores.
Este traballo de promoción é posible na EIBTM xa que neste evento participan 3.300 expositores de 90 países diferentes, ademáis de 3.800 compradores procedentes de todas as partes do mundo, entre eles case 100 de España, especialmente de Madrid e Barcelona. Esta cantidade e diversidade de procedencias, permite tamén manterse actualizado respecto da evolución do sector, coñecendo novos productos e servizos. Tamén permite establecer unha rede de contactos coas persoas que toman as decisións no sector.
Coa presenza no EIBTM o SCCB ten xa participado neste 2010, como fai cada ano, nos tres grandes eventos do sector que se celebran cada ano en Europa, Fitur Congresos, o Imex de Franckfurt e o EIBTM de Barcelona.