• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

18 e 19 de novembro. Xornadas II Emporium Woman Emprende. X Congreso internacional sobre emprendemento universitario

A Universidade de Santiago de Compostela organiza o II Emporium Woman Emprende os días 18 e 19 de novembro de 2010, co obxectivo de debater sobre a posta en valor dos resultados de investigación e a súa transferencia mediante a creación de spin-off académicas.

A Universidade de Santiago cumpre 10 anos de estimulación e fomento do emprendimento universitario, e por este motivo reúne neste ano Santo Compostelán aos principais programas e expertos nestes temas, tanto a nivel nacional como internacional, para dialogar e pór en común as diferentes metodoloxías empregadas nas diferentes culturas emprendedoras.

O fío condutor dos dous días de actividade en Santiago de Compostela será a procura de espazos para a colaboración e a creación de redes de traballo. Froito destas redes xurdiu o proxecto "Innovatia 8.3", o cal serviu para dar un impulso importante a todo o relativo ao emprendimento feminino universitario, que na actividade verase reforzado por presentacións sobre o liderado feminino na gran empresa. Doutra banda, debaterase sobre valorización de resultados na investigación, a partir de casos tan importantes como o novísimo modelo "Yissum" implementado en Xerusalén ou o consolidado modelo "Isis" da Universidade de Oxford.

Así mesmo, falarase de financiamento dirixido a cada unha das diferentes fases polas que discorre o proceso de creación de empresas de base tecnolóxica universitaria e compartiranse ferramentas novas a nivel mundial relacionadas con redes de investimento e con novos fondos de capital risco.

As xornadas pecharán convidando á reflexión sobre a necesidade de incorporar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo como unha das liñas de traballo para buscar algunhas posibles alternativas á crise da sociedade actual. Para iso, intercambiaranse novos enfoques sobre a cultura emprendedora universitaria; profundarase na importancia de apoiar a creación de empresas en áreas de humanidades e ciencias sociais; e lembrarase o éxito español en áreas "bio".

Data inicio
Data fin