Curso de verán Turismo en Galicia. pequenos mercados e grandes nichos
Xosé Manuel Iglesias intervirá na mesa redonda Turismo e Cultura, que se desenvolverá o 21 de xullo ás dúas da tarde. Moderada polo profesor do Departamento de Organización de Empresas da USC, Victor Sixto Sanjosé, tamén contará coa presenza de Javier López Martínez, director xeral da Fundación Barrié, e Lanzada Calatayud, xerente de Cursos internacionais da USC.
O curso Turismo en Galicia: pequenos mercados e grandes nichos ten unha duración de 30 horas. Está dirixido a estudantado de diplomatura e posgrao de turismo, estudantado de licenciatura de xeografía, historia e economía, axentes económicos vinculados ao sector (hoteis, casas de turismo rural, consultores, etc), persoal técnico da administración (técnicos turísticos dos concellos, axentes de desenvolvemento local, persoal da Dirección Xeral de Turismo, etc), persoal de TURGALICIA e outras persoas interesadas no ámbito do turismo.
Obxectivos
Galicia constitúe un mercado turístico relativamente modesto dentro dun dos principais países receptores do mundo, España. A demanda galega caracterízase pola súa concentración espacial, pola súa estacionalidade e pola baixa diversidade da súa oferta. Trátase, en definitiva, dun destino turístico de importancia media. Sen embargo, a análise detallada das potencialidades turísticas galegas amosa un importante número de nichos de mercado sen explotar ou insuficientemente explotado: tales como o turismo náutico, turismo industrial, turismo lingüístico, turismo de congresos, turismo de surf, etc.
O curso que se propón, ten por obxectivo o debate e difusión das potencialidades dos nichos de mercado existentes no sector turístico en Galicia. É dicir, a través deste curso quérese poñer en valor investigacións recentes é novidosas que axuden a caracterizar, identificar e aproveitar economicamente as oportunidades de mercado existentes, diversificando a carteira de produtos turísticos galegos.
Esta carteira está actualmente encabezada por un produto maduro e fortemente estacional, como é o turismo de sol e praia, xunto con un produto altamente específico e competitivo, como é o Camiño de Santiago. Pero mesmo, en relación a este produto existe un elevado potencial asociado a nichos non explotados, tales como as rutas distintas do Camiño Francés (analizarase o caso do Camiño Primitivo) ou a combinación de distintos produtos para xerar alternativas innovadoras e atractivas, como sería o caso da proposta de turismo ornitolóxico no Camiño de Santiago. Ademais, dos anteriores estudaranse un amplo elenco de nichos insuficiente ou deficientemente explotados, caso do turismo industrial, turismo de outdoors (turismo cognitivo), turismo lingüístico, turismo de surf, turismo náutico, turismo termal, turismo de congresos, etc.
Para abordar estes temas contarase con expertos en cada produto e nicho que teñan contribuído con investigacións ou proxectos recentes ou relevantes ao coñecemento de estes temas, considerando non so profesorado universitario, senón tamén técnicos da administración pública e consultores de empresas especializadas nestas ramas e que teñas participado en iniciativas do tipo “best in class”.