• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta de Goberno aproba a segregación e concesión demanial da parcela onde se construirá o biopolo, así como a licenza de obras do Centro de Servizos Innovadores

Data de escritura

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou hoxe a segregación e concesión demanial da parcela CSIEB do EQ-02 do parque empresarial da Sionlla, a favor de Sionlla Biotech, S.L; e a concesión de licenza de obras a esta mesma sociedade, para a construción do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas . Explicárono en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Mediante o acordo de Xunta de Goberno, a parcela EQ-02 quedaría dividida en dúas. A cedida a Sionlla Biotech, denominada CSIEB, ten forma de triángulo obtusángulo redondeado no vértice sur. Destinada a equipamento e de natureza demanial (ben de dominio publico), conta con 10.233 metros cadrados de superficie e 3.000 metros cadrados de edificabilidade máxima. O se valor catastral é de 90.943,61 euros.

O acordo de Xunta de Goberno outroga a Sionlla Biotech, por un prazo de 25 anos prorrogables, por mutuo acordo previa solicitude, unha concesión demanial sobre a citada parcela; para que se destine á construción e posta en funcionamento do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas nas condicións que rexen a convocatoria a subvención do IGAPE.

A outra parte, a finca matriz, tamén se destinaría a equipamento, de natureza demanial. Conta con 31.608 metros cadrados de superficie e uns 17.000 metros cadrados de edificabilidade máxima.

A maiores, o executivo municipal acordou conceder a Sionlla Biotech licenza de obras para a construción do "Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas, (CSIEB)". Estaría cualificado na ordenanza 5 como equipamento comunitario e de nova construción.

A edificabilidade sería de 2.927,92 metros cadrados e a altura de 9 metros, con baix e unha planta, segundo explicou o alcalde. O orzamento de execución material é de 3.939.229,51 euros. Localizaríase na AV. de Murcia, número 3, no Polígono da Sionlla, e contaría cun prazo de inicio de obra de seis meses; e tres anos para o seu remate.

As obras so poderán iniciarse cando se presente Proxecto de execución visado que seña autorizado.

Mellora da accesibilidade na contorna da Praza Ultreia
A Xunta de Goberno tamén acordou aprobar inicialmente o "Estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na Praza de Ultreia". O proxecto pretende mellorar as actuais condicións de accesibilidade e funcionalidade das vivendas existentes, definindo a implantación de ascensores e itinerarios peonís accesibles, así como o tratamento das fachadas e as actuacións de reurbanización e acondicionamento dos espazos públicos afectados.

En total, está prevista a instalación de ascensores en 24 edificios, un na Avenida de de Salamanca, dous na rúa do Espíritu Santo, seis na Pastoriza, e 15 na Praza Ultreia.

Como condición para a apertura do trámite de información pública, achegarase un plano no que figuren claramente identificados, sobre o parcelario catastral, os terreos públicos e privados de necesaria ocupación para executar as actuacións propostas.

As actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e da eficiencia enerxética previstas no Estudo de detalle non computarán para os efectos de edificabilidade, volume máximo edificable e ocupación de parcela, nin de distancias mínimas a lindeiros, outras edificacións, espazos públicos e vías públicas, ou cumprimento de aliñacións.

Este estudo de detalle inicialmente aprobado someterase a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación individual aos titulares catastrais das parcelas afectadas. Durante o trámite de información pública solicitarase o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Máis de 600.000 euros en axudas ao sector comercial e hostaleiro
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a convocatoria do procedemento de concorrencia para a selección da entidade colaboradora para a entrega e distribución das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería do Concello de Santiago, a través dos bonos Corazón Compostela.

En concreto aprobouse o texto do convenio entre o Concello de Santiago e a entidade colaboradora seleccionada para a entrega e distribución das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería do Concello de Santiago, a través dos bonos "Corazón Compostela"; así como o gasto de 38.115 euros en concepto de compensación económica á entidade colaboradora seleccionada; e o gasto de 600.000 euros co que está dotado este programa de dinamización e incentivación do comercio e hostalería local ante o impacto negativo da pandemia, denominado "Bonos Corazón".

Estes bonos poderán ser utilizados nos establecementos comerciais retallistas e hostaleiros, radicados no Concello e adheridos ao programa, segundo as condicións de participación establecidas na correspondente convocatoria de adhesión ao programa.

Outros acordos
Tamén se aprobou o expediente denominado Execución do proxecto "Mellora do vial dende o entorno da N-550 en Barciela ata Casas de Arriba en Cesar: tramo da igrexa de San Andrés de Barciela ata cruce de Candelabeira" (POS+Adicional 2/2020) e a apertura do procedemento de adxudicación baixo a modalidade aberto, establecéndose un tipo de licitación de 260.000 euros.

A maiores, deuse luz verde ao expediente denominado "Servizo de lacería para a recollida de animais abandonados, perdidos, domésticos ou salvaxes, de competencia municipal no Concello de Santiago de Compostela e a apertura do procedemento de adxudicación baixo a modalidade aberto, establecéndose un tipo de licitación de 67.804,77 euros.

Por outra banda, deuse conta da sentenza nº 255/2021, cuxo obxecto é a resolución de desistencia do CON/7/2018 para a xestión da Escola Municipal de Música. A sentenza, recorrible en apelación, desestima o recurso de ESPROADE, SL contra o acordo da Xunta de Goberno Local, polo que se desistiu de continuar co procedemento para a adxudicación do contrato de xestión da Escola de Música.

Documentos relacionados