Preséntanse as novas licitacións CPP do proxecto Smartiago, un xemelgo dixital de mobilidade peonil urbana e un vehículo electrico autónomo
Hoxe presentáronse as novas licitacións de CPP, Compra Pública Precomercial, do proxecto Smartiago, un xemelgo dixital de mobilidade peonil urbana, e un vehículo eléctrico autónomo adaptado a centros históricos para loxísticas de última milla. Foi nunha xornada que abriu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e pechou o concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte.
Estes dous contratos de Compra Pública Precomercial, cos que se pretende impulsar o desenvolvemento de servizos de I+D de relevancia para a cidade son:
1. Un xemelgo dixital de mobilidade peonil urbana. Un xemelgo dixital é unha representación virtual dun produto ou proceso de produción, de xeito que os enxeñeiros poidan examinar o seu deseño, probar potenciais cambios e detectar erros antes de fabricar ese produto. O xemelgo dixital permitirá modelar fluxos de mobilidade peonil e, o que é máis importante, estimar o impacto sobre os mesmos de cambios na contorna urbana, o que o converte tamén nun instrumento de planificación urbana. Para modelar os fluxos instalarase e utilizará mobiliario urbano intelixente (bancos), pensados para incentivar a mobilidade peonil (a través de accións de gamificación, por exemplo); e para contrastar as predicións resultantes do xemelgo dixital coa evolución dos fluxos peonís reais.
2. Un vehículo eléctrico autónomo adaptado a centros históricos para loxísticas de última milla. Con este proxecto búscase o desenvolvemento dun vehículo eléctrico autónomo especialmente adaptado a centros e centros históricos para racionalizar a loxística de última milla nos mesmos (danos á calzada) e ao mesmo tempo evitar emisións de CO2. Como escenarios de proba propuxéronse dous usos municipais (loxística de sinalización) e xeorradar para sondar o estado do firme e as infraestruturas do subsolo. Débese ter en conta que nunha cidade histórica como Santiago de Compostela o subsolo forma parte tamén do patrimonio, con toda a protección que iso conleva, o que en moitas ocasións imposibilita a realización de obras de mantemento, reparación, substitución de elementos, ou mesmo novas canalizacións para servizos actuais como a fibra óptica.
Ámbolos dous escenarios, loxística de sinalización e xeorradar para o subsolo, servirán para as probas técnicas de experimentación do vehículo.
En ambos os casos, ademais do desenvolvemento dos servizos de I+D, o alcance dos traballos inclúe a definición e posta en marcha dun living lab (banco de probas reais nunha contorna de experimentación), que poñan a disposición do ecosistema de I+D+i os prototipos realizados para cada unha das contratacións. Nesta fase UNINOVA (Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L.) encargarase de crear as sinerxias necesarias para que este ecosistema se desenvolva con empresas de todo tipo de ámbitos. Ademais, realizará unha busca activa de fondos para que, unha vez desenvolvidos os proxectos e finalizado Smartiago, se poida manter a súa viabilidade.
No caso do xemelgo dixital, o living lab deberá servir para deseñar estratexias e/ou servizos para o fomento personalizado e avanzado da mobilidade peonil (buscando vinculacións co comercio de proximidade e o fomento do transporte urbano). No caso do vehículo, permitirá testar e definir novos modelos de loxística de última milla en cidades patrimoniais, conxugando a dimensión económica, ambiental e patrimonial (coidado da calzada) e adaptándose ás características estruturais dos centros históricos.
O xemelgo dixital licitouse por un valor de 350.000 euros, mentres que a contratación do vehículo autónomo licitouse por 559.090,91 euros. Ambas as licitacións terán un prazo de execución máximo até novembro de 2022.
Despois da apertura institucional das xornadas, interveu Luisa Boquete, directora da área de programas da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen explicou o apoio da Xunta á innovación en Galicia. A continuación desenvolveuse a ponencia "A colaboración institucional como clave do éxito dos proxectos de innovación", impartida por Carme Casado, conselleira delegada de UNINOVA; e Mónica Suárez, técnica de xestión de UNINOVA.
Unha vez rematada, Manuel Cutrín, director da Asesoría xurídica do Concello de Santiago, e Antón Varela, asesor do goberno municipal; falaron sobre "Innovación en contratación pública: aspectos xurídico-administrativos nunha CPI. Antes de pechar as xornadas tivo lugar unha exposición técnica das novas licitacións CPP do proxecto Smartiago, por parte de Gonzalo Pellejero e Antonio Guimarey, de OTA Santiago.
Smartiago está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020, nun 10% pola Axencia Galega de innovación (GAIN) e nun 10% polo Concello de Santiago de Compostela.