O Eixo Atlántico recolle nun informe as necesidades para a modernización ferroviaria de Galicia e cifra o custo en tres mil millóns de euros en dez anos
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola alcaldesa de Lugo e vicepresidenta do Eixo, Lara Méndez; polo secretario xeral da entidade interrexional, Xoán Vázquez Mao; e polo presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández, deu conta en rolda de prensa do "Mapa ferroviario de Galicia", documento no que se recollen as actuacións propostas polo Eixo Atlántico para a modernización da rede ferroviaria galega de vía ancha.
O texto, elaborado por Miguel Rodríguez Bugarín, recolle once actuacións que a entidade considera fundamentais e cuxo custo acadaría os tres mil millóns de euros en 10 anos. O 50% podería correr a cargo de fondos europeos, polo que restarían 1500 millóns que, repartidos no período indicado, suporía un investimento de 150 millóns por ano, "cifra asumible", segundo indicou a vicepresidenta do Eixo, Lara Méndez.
Xosé Sánchez Bugallo quixo salientar, dentro das propostas, tres puntos principais: integrar Lugo na alta velocidade; seguir avanzando na saída sur de Vigo, pois "é imprescindible que Galicia estea conectada con Portugal"; e apostar polo transporte de mercadorías.
A proposta, que será presentado ao presidente da Xunta, ministro de Transportes, aos cargos homólogos en Portugal e a outras entidades, "é un documento base para traballar e incluso incorporar achegas", indicou Méndez, que poidan facer sindicatos, patronal e outros colectivos, moitos dos cales coñeceron o contido do informe nunha xuntanza previa que tivo lugar ás 10.00 horas no Auditorio de Galicia.
Mapa ferroviario
A Asociación Transfronteiriza de Municipios Eixo Atlântico do Noroeste Peninsular, consciente do papel transcendental que xogan as infraestruturas de transporte no crecemento e a cohesión económica, territorial e social, veu promovendo nos últimos anos unha reflexión técnica sobre a situación das infraestruturas de transporte na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Debido ao importante papel que o ferrocarril debe desenvolver nas próximas décadas en Europa, o Eixo Atlântico impulsou a redacción de diferentes informes sobre a infraestrutura ferroviaria da Eurorrexión, propondo posibles actuacións para a súa mellora, ao obxecto de conseguir un transporte ferroviario máis competitivo.
O documento presentado hoxe exponse como unha síntese, actualizada, dos informes realizados, a saber:
- Informe sobre as modificacións propostas na liña ferroviaria Vigo - Guillarei (2015).
- Informe sobre a liña ferroviaria A Coruña-Lugo e a rede de vía métrica en Galicia (2019).
- Tramo Betanzos-Infesta-Ferrol, que constitúe a liña 804 da Rede Ferroviaria de Interese Xeral, tamén administrada por Adif.
- Elementos para a redacción dun Plan Director do Corredor Atlántico (2020).
- Informe sobre a liña ferroviaria A Coruña-Ferrol (2020).
Así mesmo, recolle como actuacións prioritarias: a saída sur de Vigo; a modernización da liña Lugo-Ourense; a mellora da liña A Coruña-Lugo; do tramo A Coruña-Santiago; o acceso ferroviario a Punta Langosteira; tramo Santiago-Redondela; tramo Vigo-Guixar – Redondela – Guillarei; tramo Guillarei – Ourense; tramo Ourense – Monforte; tramo Monforte – Covas; e modernización da liña A Coruña – Ferrol.
Enmárcase dentro do proxecto MC2, está cofinanciado por INTERREG V A España - Portugal (POCTEP) e a súa redacción foi encomendada á Fundación da Universidade da Coruña, mediante o correspondente contrato de investigación.