O aeroporto de Santiago contará con 14 rutas internacionais directas este verán
O aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro contará con 14 rutas internacionais directas nos meses centrais de verán, recuperando case plenamente a operativa internacional do aeroporto previa a Covid-19. Con estas rutas xa cargadas á venda, seis compañías ofertarán unha ampla conectividade internacional, que permitirá comezar a reactivación turística dos principais mercados europeos na cidade
Segundo apuntou o concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, "esta ampla aposta de diferentes compañías polo aeroporto de Santiago é unha mostra da súa fortaleza e do atractivo de Santiago como destino turístico".
Vueling operará 17 rutas no aeroporto de Santiago, o seu máximo histórico. Cinco delas serán internacionais: París, Ámsterdam, Bruxelas, Zurich e a novidade de Londres. Pola súa banda, Ryanair operará 16 rutas, tamén o seu máximo na cidade, neste caso con tres rutas internacionais: Londres, Frankfurt e Milán.
Ademais, Easyjet manterá as súas tres rutas internacionais: Londres, Basilea e Xenebra. Lufthansa retomará a súa conexión directa con Frankfurt e Aer Lingus a súa con Dublín. Finalmente, a compañía suíza Edelweiss terá unha ruta con Zurich.