Máis de 1000 empresas solicitaron as axudas destinadas aos sectores comercial e hostaleiro do PRESS, o Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, agarda que se poidan atender todas as solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria do PRESS, o Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago, tanto as do sector comercial como as do hostaleiro e turístico.
En total, presentarónse 1.125 solicitudes: 601 á convocatoria aberta para o sector hostaleiro e turístico e 524, ás axudas ao sector comercial. Sinalou o rexedor que espera que se poidan atender todas, previo control do cumprimento dos requisitos. Sánchez Bugallo lembrou que, para o sector hostaleiro, aínda está aberto o prazo das axudas directas convocadas pola Deputación, ás que xa se presentaron 474 solicitudes, "das que 427 están resoltas favorablemente".
A respecto das actuacións municipais para a revitalización dos sectores máis afectados pola pandemia, o alcalde destacou a campaña de dinamización comercial, que arrancou onte coa celebración da festa do comercio local Prima 21. "Estou moi satisfeito coa acollida do público e ogallá este éxito se manteña o venres e o sábado", indicou o rexedor, que anunciou que se organizarán máis actividades de animación nas rúas da cidade as vindeiros fins de semana.
"Pouco a pouco estamos vendo datos favorables" relativos á recuperación da actividade, en xeral, e da turística, en particular. Como exemplo, Sánchez Bugallo indicou que as reservas para agosto son maiores que as de xullo, e as que se prevén para setembro e outubro superan as do verán. Neste sentido, "agradezo o espaldarazo que supón a visita do Rei, onte, e a confirmación da súa pesenza o vindeiro 25 de xullo".