• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Arranca Prima 21, a festa do comercio local

Data de escritura

O xoves 3, o venres 4 e sábado 5 de xuño de 2021 terá lugar en distintos barrios de Santiago a festa do comercio local Prima 21, dentro da campaña de promoción comercial Eu merco aquí, un evento que xorde con vocación de continuidade, co fin de consolidar unha festa do comercio en primavera. O alcalde, o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños; os voceiros do PP, Alejandro Sánchez-Brunete, e do BNG, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra, visitaron as principais rúas comerciais do Ensanche e da Zona Vella.

O obxectivo do programa é dinamizar o consumo á vez que se lle dá unha nota de cor e alegría á cidade coas distintas actuacións e actividades programadas. Durante o transcurso de Prima 21, os comercios poderán presentar os seus produtos e servizos nas beirarrúas sen necesidade de solicitar un permiso específico, aínda que deberán permitir o acceso aos portais de vivendas e ao tránsito peonil, para o correcto desenvolvemento desta festa.

Unha festa con vocación de continuidade que conta cun intenso programa de actividades durante as tres xornadas, para as que non é preciso reservar entrada. Actividades como animación de rúa ou concertos para todos os públicos en diversas zonas da cidade, incluidos os barrios máis comerciais, cubrindo toda a Zona Vella, Ensache, As Fontiñas, San Pedro e Conxo. Pasarrúas, animacións musicais, concertos, teatro, desfiles tradicionais e cabaré de circo son algunhas das disciplinas incluídas no programa, que se completará con obradoiros de artesanía de grabado, acibeche e ourivería, impartidos polos mestres artesáns Ourives de Compostela, Ricardo Rivas, Manuel Tojo e Adonis Suárez.

Esta é a segunda edición dunha festa que, xa o pasado ano, conseguiu mobilizar e dinamizar as compras, con moi boas impresións por parte de cidananía e comerciantes.

Prima 21 englóbase dentro da marca do comercio de Santiago "Eu Merco Aquí", símbolo de compromiso co comercio local. Para difundila levarase a cabo unha campaña de comunicación coa mensaxe "Se es intelixente, merca aquí" que defende que mercar no comercio local non é unha cuestión de xenerosidade ou altruísmo, é un acto intelixente. Dita campaña comezará coa festa de Prima 21 e continuará durante todo o mes de xuño, coa difusión dun vídeo e outras accións publicitarias e de animación.

No marco da festa Prima 21, o Concello distribuirá bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Para contar con este agasallo, debe dirixirse a calquera delas: CCA Comercio Punto Compostela, CCA Santiago Centro, CCA Compostela Monumental, Asociación Em Rede, Ourives de Compostela e Asociación de Comerciantes de Área Central.

Documentos relacionados