A Maker Faire Galicia máis internacional e mediática anuncia os primeiros Hits para a súa 7ª edición, que se celebrará 100% en liña do 2 ao 6 de xuño
O evento Maker máis importante da Península comeza a descubrir as súas cartas para esta edición 100% en liña que promete ser moi potente a nivel de contidos. Tras o peche do "call for makers" ou chamada a proxectos o pasado luns, a organización confirma que foron seleccionados 60 proxectos de 7 países diferentes, cos que os asistentes poderán falar en directo ao longo das cinco xornadas que dura o evento.
Entre os primeiros relatores destacados desvelados desta edición atopamos referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos da biotecnoloxía, os videoxogos ou a tecnoloxía.
César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, participará nas xornadas da industria o 3 de xuño. César, coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar o COVID-19, foi nomeado polo MIT como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos.
Durante esa mesma xornada pola tarde o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destacan dous hits anunciados recentemente pola organización, como Keisha Howard e Jon Hare. Keisha (Chicago, 1986), con dúas charlas TED no seu curriculum, é unha recoñecida activista en favor da inclusión e a diversidade no mundo dos videoxogos. Jon Hare, pola súa banda, é un dos Game Makers máis coñecidos de Europa, creador de xogos míticos como Parallax ou Sensible Soccer. Durante esta xornada lanzarase a temática da segunda edición da Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas que terminará na xornada do sábado e que o domingo coñecerá ao seu gañador ou gañadora.
Outro nome propio é o de Valeria Corrales, unha minimaker de 12 anos de Huesca que triunfou na última edición do talent show máis famoso do mundo e que participará na xornada educativa o venres 4 de xuño.
Ademais desta esperada intervención nesta xornada se levarán a cabo catro mesas de debate moi interesantes que versarán sobre a educación do futuro, a gamificación, os espazos maker ou as comunidades de aprendizaxe e que contarán con auténticos referentes tanto a nivel nacional como internacional.
Durante a tarde celebrarase tamén o primeiro EDU Open Space, un espazo para a reflexión ao redor da educación, onde os propios asistentes exporán as temáticas para debater.
Ademais de todo isto, a organización acaba de confirmar os primeiros talleres, onde a tecnoloxía, a educación e o emprendemento son os grandes protagonistas. Desde Intelixencia Artificial a robótica pasando por ciberseguridade, blockchain ou un taller para montar a túa propia empresa e non morrer no intento son algunhas dos xa confirmados.
Se queres ter máis información sobre este evento e como participar non dubides en visitar a súa plataforma en liña https://makerfairegalicia.com/, o rexistro de asistentes xa está aberto e é totalmente gratuíto.
A 7ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.