O Pleno aproba definitivamente o orzamento de 2021 e os expedientes de crédito para poñer en marcha a nova convocatoria de axudas fronte á covid
O pleno municipal, na súa sesión ordinaria de abril, deu luz verde de forma definitiva ao orzamento municipal para 2021, que ascende a 125.000.000 de euros. Nesta sesión tamén se aprobaron os expedientes de crédito necesarios para poñer en marcha a nova convocatoria de axudas destinada aos sectores máis afectados pola covid, que en total chega aos 5.207.000 euros.
Dos dous expedientes de crédito aprobados, o primeiro, por importe de 1.554.000 euros, destinarase a axudas no ámbito do comercio e para accións de promoción da actividade comercial. O financiamento deste modificativo de crédito farase, por unha banda, con remanente líquido de tesourería, por importe de 1.154.000 euros para gastos xerais do concello 2020 e, pola outra, con baixas por anulación do orzamento, por un importe de 400.000 euros.
O segundo, un expediente de suplemento de crédito por un importe total de 1.304.000 euros, destinarase a axudas para o consumo no comercio e na hostalería local (600.000 euros) e axudas aos establecementos da hostalería local para o financiamento dos seus gastos correntes (1.004.000euros). Financiarase con remanente líquido de tesourería para gastos xerais do concello do exercicio 2020.
Convocatoria de axudas
Unha vez aprobados os devanditos expedientes, poderá levarse a cabo a primeira convocatoria deste 2021 para os sectores máis afectados polas medidas ditadas para frear a pandemia. O global desta convocatoria ascende a 5.207.000 euros, dos cales 1.904.000 se destinarán ao sector comercial; 1.747.105, ao hostaleiro; e 604.992, ao cultural. A estas cifras engádense 150.000 euros para financiar bonos de aparcamento; 600.000 euros para os bonos ao consumo; e 200.000 para actividades de promoción comercial.
Orzamentos
O orzamento do Concello de Santiago de Compostela, aprobado hoxe definitivamente cos votos a favor do grupo municipal socialista e a abstención de PP, CA e BNG, ascende á cifra de 125.020.077,77 de euros en ingresos e gastos. Xunto coas empresas municipais TUSSA e INCOLSA, presenta un orzamento consolidado de 127.739.010,78 euros en ingresos, e de 127.667.041,17 euros en gastos.
Tendo en conta as entidades consideradas Administración Pública isto é, tendo en conta o orzamento do concello, do auditorio de Galicia, da empresa municipal INCOLSA e da Fundación Refuxio de Animais, presenta un orzamento de 126.886.572,79 euros en ingresos, e de 126.858.108,58 euros en gastos.
Orzamento de gastos do Concello de Santiago de Compostela
CAPÍTULO I
O capítulo I ascende á cifra de 35.010.206,93 euros cun incremento do 3,26 % respecto do orzamento de 2020 (en concreto 1.112.609,14 euros).
A destacar deste capítulo I:
- o incremento da dotación da partida dedicada á carreira profesional, ascendendo á cantidade de 825.000 euros, e con cargo á cal todo o persoal, funcionario ou laboral, percibirá os 3/3 da contía correspondente ao grao I de carreira profesional.
- a dotación de 312.787,35 euros na área de servizos sociais para facer fronte ao reforzamento de persoal ao servizo da área de servizos sociais, para a execución de programas de atención social primaria, tanto os consolidados como os postos en marcha a consecuencia da COVID 19.
- ou a dotación de 400 mil euros para facer fronte aos procesos selectivos de promoción interna dos anos 2017 a 2020 a convocar durante o primeiro semestre do 2021 e á modificación da RPT, tamén prevista para o primeiro semestre do 2021.
CAPÍTULO II. GASTOS CORRENTES EN BENS S SERVIZOS
O capitulo II de gasto ascenden á contía de 50.439.752,69 euros e presenta un incremento do 2,26 % respecto do orzamento inicial do exercicio 2020.
O capítulo II representa o 40,35 % do total de orzamento de gastos.
Nesta capítulo prevese crédito para adxudicación de contratos como:
- O contrato de axuda no fogar cuxa partida, considerando a entrada en vigor do novo contrato o 1 de maio do 2020, se incrementa nun 18,48% respecto do orzamento de 2020, acadando a cifra de 2.967.273,29 euros.
- Os contratos de mantemento de zonas verdes, cuxas partidas, considerando a entrada en vigor do contrato principal de zonas verdes, o 1 de maio do 2020, se incrementa nun 10,77% respecto do orzamento do 2020, acadando a cifra de total de 4.165.043,48 euros.
- O contrato relativo á recollida de residuos e limpeza viaria, cuxas partidas, que ascenden á 8.898.456,83 , se incrementan nun 5,95 % respecto do orzamento do 2020, e isto considerando a súa entrada en vigor do novo contrato o 1 de setembro do 2021.
- O contrato de xestión da escola de música, en fase de adxudicación, cuxa partida se incrementa nun 29,90% respecto do orzamento de 2020 acadando a cifra de 496.999,96 euros.
A destacar tamén neste capítulo o incremento das partidas destinadas ao mantemento da zona urbana, en concreto nun 20,90%, acadando a cifra de 1.160.306,09 euros e as destinadas ao mantemento da zona rural, nun 21,39% acadando a cifra de 908.000,00 euros.
CAPÍTULO III. GASTOS FINANCIEROS.
Ascende a 643.620,97 euros, incrementándose un 61, 92% respecto do orzamento de 2020, debido esencialmente ao incremento do crédito destinado ao pagamento de intereses por expropiación de terreos.
CAPÍTULO IV. TRANSFERENCIAS CORRENTES
Increméntase un 17,31% acadando a cifra de 17.377.280,79 euros.
- Forte incremento das medidas de protección social. As medidas de protección social directas increméntanse neste capítulo un 19,45% acadando a cifra total de 2.149.500,00 euros. A destacar (1) SEMUS Compostela (servizo municipal de emerxencia social en Compostela) (2) ou o incremento do crédito destinado á ordenanza de garantía básica, pasando de 400.480 a 561.570,00 euros.
- Incremento de medidas directas para a reactivación do comercio e para o fomento da promoción económica, nun 27,02%. Destacar a dotación de importantes partidas destinadas á reactivación de compras como a entrega de bonos aparcadoiros e ao emprendemento fenemino, duplicando a partida destinada á Feira de Emprendedoras da Comarca de Compostela.
- No ámbito da cultura: destacar como novidade a aposta do fomento das artes performativas nas rúas, cunha dotación de 50 mil euros para tal fin.
CAPÍTULO V, relativo ao fondo de continxencia: 100 mil euros.
CAPÍTULOS VI e VII. INVESTIMENTOS E TRANSFERENCIAS DE CAPITAL.
Increméntanse nun 19,82% acadando a cifra de 18.482.395,67 euros.
Con cargo a este capítulo de gastos, no ano 2021 daranse continuidade a actuacións como:
- O selado do vertedoiro de aríns
- A reurbanización de Concheiros e o aparcamento de Triacastela
- A rehabilitación do centro cívico da Cidade Vella
- A recuperación do CAMPUS SUR
- O proxecto de compra pública innovadora de SMARTIAGO
- A reparación e consolidación de muros
- O financiamento das actuación previas á construcción da EDAR da Silvouta
- O Diagnóstico Urbanístico sobre a vixencia do PE-1 Cidade Histórica e novas normativas a cumprir e a redacción do Plan Especial de Conxo, entre outros proxectos de Planemento.
- Ou as actuacións vinculadas ao plan de sostebilidade turística
Poranse en marcha otras actuación como:
- A restauración do Sarela
- O reacondicionamento da dársena de Xoán XIII
- A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para a incorporación das delimitacións dos Camiños de Santiago.
- A rehabilitación de edificios e vivendas do ARRU Cardeal Quiroga e Grupo Compostela, fase 7, e ARRU Vite fase 1.
- A rehabilitación de firmes en vías urbanas, por importe de 1,5 millons de euros.
- A rehabilitación de firmes en vías rurais por 628.434 euros.
CAPÍTULO VIII
Incremento do 74,75 %. Acada a cifra de 122.198,00 euros. Este incremento débese esencialmente á dotación prevista para compra de capital social de UNINOVA, reforzando así a estructura de xestión e coordinación para a reindustrialización de Compostela.
CAPÍTULO IX
Acada a cifra de 2.844.622,74 dos cales e de conformidade co disposto no estado da débeda:
- 1.098.244,40 euros corresponden á certificación do primeiro libramento de SMARTIAGO.
- 1.746.378,34 euros de amortización de débeda bancaria.
Outros asuntos
Nesta sesión plenaria tamén se aprobou, neste caso por unanimidade, unha proposición conxunta dos catro grupos municipais, a raíz da presentada polo BNG e cunha emenda do grupo socialista, para mellorar a calidade do emprego na cidade e frear a emigración xuvenil.
En virtude do mesmo, o pleno acorda que "O Concello, en colaboración coa USC e Uninova, promoverá a contratación de
persoas mozas de Santiago de Compostela no Polo de Innovación en
Biotecnoloxía da Sionlla", así mesmo, "convocará o Consello municipal da mocidade para buscar alternativas que impulsen a creación de emprego e a estabilidade laboral, de cara a frear a emigración xuvenil", e "incluirá na convocatoria de axudas públicas aos sectores da hostalería e comercio a obriga de presentar unha declaración responsable do cumprimento de todas as disposicións legais, regulamentarias e convencionais vixentes en materia laboral, seguridade social, seguridade e saúde no traballo, e igualdade entre mulleres e homes".