A sétima edición da Maker Faire Galicia consolida a súa aposta pola dixitalización e a globalidade
Este ano a Maker Faire Galicia, unha das feiras maker máis importantes de Europa, na que colabora o Concello de Santiago, celebrarase do 2 ao 6 de xuño. Repetirá formato 100% en liña, tras o éxito da última edición celebrada no pasado mes de novembro nun Museo Gaiás virtual.
Nesta nova edición a organización ten como obxectivo, ademais de ampliar o alcance tanto a nivel nacional como en Latinoamérica, chegar a todos os países de fala inglesa e poder ofrecer así un evento 100% global.
Do mesmo xeito que en anos anteriores esta feira de innovación contará con dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional, dúas xornadas abertas a todo o público e repetirá cunha xornada específica do mundo da educación, despois do éxito que tivo na pasada edición.
O programa será moi variado e contará con referentes e especialistas en distintas áreas de coñecemento. As xornadas profesionais, que se levarán a cabo os días 2 e 3 de xuño, organizaranse por sectores, poñendo en valor algúns nos que Galicia ten un gran potencial como son: a Dixitalización, a Biotecnoloxía e os Videoxogos.
O venres 4 de xuño, día no que se celebrará a xornada exclusiva de educación, os relatorios virarán ao redor da tecnoloxía e á innovación educativa. Ademais, os mellores proxectos dos centros educativos que se presenten competirán en tres categorías, minimakers (primaria), makers (secundaria e bacharelato) e makers prol (Fp) para elixir ao máis innovador.
Por último nas xornadas abertas, os días 5 e 6 de xuño, haberá contido moi diverso relacionado coa neurotecnoloxía, intelixencia artificial, robótica, ciencia, innovación social, do it yourself, arte, economía circular ou gaming.
Desde hai unhas horas xa está aberto o xa coñecido "call for makers" ou chamada a proxectos, onde se convida a empresas, centros educativos, asociacións ou makers a presentar os seus proxectos e poder ser seleccionados para participar no evento. O prazo para enviar proxectos estará aberto ata o 30 de abril e as inscricións realízanse a través da súa páxina web.
Esta Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.