O Concello aproba a convocatoria de axudas ao comercio, á hostalería e ao sector cultural
En Xunta de Goberno local extraordinaria, o Concello de Santiago vén de aprobar as bases que rexen as convocatorias das axudas aos sectores máis afectados polas medidas postas en marcha para conter a pandemia (o comercio, a hostalería e o sector da cultura), dentro do segundo plan de reactivación económica Compostela 2020
Esta primeira convocatoria empregarase para financiar o gasto corrente dos negocios e conta cun investimento inicial de 2.500.000 desglosados do seguinte xeito:
- 1.600.000 euros para os negocios do sector hostaleiro
- 600.000 euros para o comercio
- 300.000 euros para o sector cultural
Cal é o prazo para presentar as solicitudes?
A publicación no boletín oficial da provincia da Coruña (BOP) marca o inicio do prazo e este ábrese o día seguinte á publicación no BOP. Estas convocatorias publicaranse o xoves, polo que a solicitude pode facerse desde as 00.00 horas do venres (noite do xoves ao venres).
As solicitudes que se presenten antes de comezar ese prazo teranse por non presentadas.
O último día de presentación é o 15 de decembro.
Forma de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, é dicir, deberán presentarse a través dun rexistro electrónico habilitado, sexa o do propio Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) ou outros como o da Xunta de Galicia (sede.xunta.gal) ou do Estado (https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do).
As persoas físicas poderán solicitar axuda na Oficina de asistencia en materia de rexistro para o uso dos medios electrónicos. Para elo deberán pedir cita previa no teléfono 881 505 107. Recoméndase facelo con antelación suficiente.
Á marxe do rexistro electrónico que escolla para a presentación da solicitude, deberá acompañar sempre o modelo formulario de solicitude que se achega con todos os campos obrigatorios cubertos.
FORMULARIO CS006A
Se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) escolla o trámite "Solicitude de subvención co código CS006A", que estará dispoñible dentro do catálogo de trámites en breve e que xa pode atopar no pé desta noticia.
As axudas concederanse segundo orde de entrada por rexistro e irán dende os 1.000 euros ata os 3.000. No caso da hostalería, o tope de 3.000 será só para os negocios de ocio nocturno e para o resto, 2.500.
Segundo plan de axudas
Esta primeira convocatoria encádrase no plan de axudas aos sectores máis afectados polas medidas restritivas para a contención da pandemia, e executarase con cargo ao remanente de tesourería. Serán en total 3,5 millóns de euros para o comercio, a hostelería e o sector cultural, que se completarán cun millón máis a achegar pola Deputación da Coruña.
- FORMULARIO CS006A
- BASES PARA AS AXUDAS AO COMERCIO
- BASES PARA AS AXUDAS Á HOSTALERÍA
- BASES PARA A AXUDAS AO SECTOR CULTURAL
- Web de comercio