• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Aprobadas as bases do concurso de escaparates de Nadal 2020

Data de escritura

A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión extraordinaria, aprobou as as bases do "Concurso de escaparates de Nadal 2020" que convoca o Departamento de Comercio do Concello de Santiago de Compostela, así como os gasto dos premios que ascenden a 11.000 euros. Establécense dous tipos de premios, os do xurado e os do público.

En total, o xurado concede tres premios: primeiro, segundo e terceiro, dotados con tres mil, dous mil e mil euros, respectivamente; un premio ao Escaparate sostible de mil euros; e tamén pode conceder, se o considera oportuno, dous accesits de 500 euros cada un. Os premios outorgados mediante votación do público a través da páxina de Facebook do departamento de comercio, son dous: o primeiro, dotado con 2.000 euros e o segundo con mil euros.

O concurso de escaparates de Nadal ten como obxecto promover a creatividade dos comerciantes á hora de presentar os seus escaparates e produtos, fomentar a cultura da innovación e da calidade no sector comercial; contribuíndo así á súa reactivación económica de cara á campaña de Nadal.

Poden participar no concurso todos os comercios polo miúdo e negocios de servizos do municipio de Santiago que dispoñan de escaparate aberto ás rúas. No caso de que unha mesma persoa propietaria desexe participar con máis dun establecemento deberá presentar unha solicitude por cada un dos diferentes escaparates que opten aos premios.

O tema que deben desenvolver será o Nadal, con total liberdade en canto á súa interpretación, deseño, técnica e estilo. Na valoración dos escaparates terase en conta a integración dos produtos á venda; a composición do escaparate e a súa adaptación á temática de Nadal; a distribución dos elementos; a harmonía das gamas cromáticas, formas, texturas e materiais; a mensaxe ou idea que se transmite; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, de materiais de refugallo ou de elementos naturais; a invisibilidade dos elementos auxiliares precisos para a súa construción e mais o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final.

Os establecementos interesados deberán presentar obrigatoriamente a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos, a través de formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello de Santiago: sede.santiagodecompostela.gal.Tamén deberán enviar entre unha e catro fotografías horizontais do escaparate. De xeito opcional, poderanse acompañar dunha memoria explicativa do concepto de escaparate e das técnicas ou materiais utilizados na súa execución. Esta memoria achegarase xunto coas fotografías e a través da mesma ligazón.

O prazo de presentación a concurso ábrese coa publicación oficial das bases e está previsto que remate o día 10 de decembro ás 15:00 horas.

As persoas participantes comprométense, entre outras condicións, a manter os escaparates decorados e visibles ao público ata o 5 de xaneiro de 2021 e a colocar un adhesivo de identificación visible no exterior escaparate.Os premios poderán ser declarados desertos.

Outros asuntos
O executivo local tamén aprobou o nomeamento do xurado dos premios a traballos académicos sobre o emprego e a xestión do Talento; quedando composto polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en calidade de presidente, e Xabier Ferreiro Campos, técnico responsable de Emprego, como secretario. Como vocais nomeouse, por este orde, a Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade USC e catedrático de Enxeñaría Química; a Rosa Mª Regueiro Ferreira, coordinadora TFG (Traballos Fin de Grao) da Facultade de Ciencias Económicas da USC; Xoán Doldán, decano da Facultade de Ciencias Económicas da USC; Silvia Moscoso, profesora Titular de Psicoloxía do Traballo e decana da Facultade de Relacións Laborais; Gustavo Marcos Cancela, consultor; e Rubén Anido Dominguez e Mercedes Iglesias Exposito, ámbolos dous técnicos CEXTEC.

A maiores, aprobáronse as bases da "Convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea do alumnado do Obradoiro de Emprego Creas II", por un importe de 30.000 euros.

Documentos relacionados