• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Os comerciantes terán ata o día 15 de decembro para solicitar as axudas destinadas a financiar o gasto corrente

Data de escritura

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo esta mañá unha xuntanza coas asociacións de comerciantes Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Em-Rede e Comercio Punto Compostela co obxectivo de "preparar a convocatoria da primeira axuda de 600.000 euros" destinada a financiar o gasto corrente dos negocios que se acollan a ela.

O prazo para a solicitude abrirase a semana que vén, nun día aínda por pechar, e rematará o 15 de decembro. As axudas terán unha contía mínima de 1.000 euros e máxima de 3.000 e outorgaranse por orde de entrada da solicitude no rexistro. Poderán acollerse todos os comercios que acrediten unha baixada de vendas igual ou superior ao 20% entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2020, que se realizará, en primeiro lugar, cunha declaración responsable a achegar coa solicitude e que será comprobada, con posterioridade, polo Concello.

Segundo indicou o alcalde, tratábase de habilitar "a solución máis rápida posible" para que a inxección de liquidez aos comercios chegase canto antes. As asociacións de comerciantes amosaron a súa satisfacción coa medida.

Segundo plan de axudas
Esta primeira convocatoria de 600.000 euros encádrase no plan de axudas aos sectores máis afectados polas medidas restritivas para a contención da pandemia, e executarase con cargo ao remanente de tesourería. Serán en total 3,5 millóns de euros para o comercio, a hostelería e o sector cultural, que se completarán cun millón máis a achegar pola Deputación da Coruña.