• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O manifesto municipal do 25N destaca o agravamento das desigualdades de xénero polas consecuencias socioeconómicas derivadas da pandemia

Data de escritura

A praza do Obradoiro acolleu esta mañá o acto principal do Concello de Santiago con motivo da celebración do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Corporación presidiu esta cerimonia, na que se leu un manifesto institucional no que se destacou, especialmente, o agravamento da situación de desigualdade a causa das consecuencias socioeconómicas derivadas da COVID19.

Obradoiro

O manifesto, consensuado entre todos os grupos políticos con representación no Concello de Santiago, remataba co compromiso da Corporación Municipal na promoción de medidas a favor dunha igualdade real e efectiva, "actualizando estudos sobre a situación das violencias de xénero, desenvolvendo políticas en materia de igualdade no ámbito preventivo e educativo, achegando recursos económicos, e impulsando campañas que traballen pola erradicación das violencias de xénero co fin de situar esta problemática no centro da axenda política local". Este parágrafo final leuno o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, xunto ao texto que expresa que a loita contra as violencias machistas "debe ser unha prioridade institucional e política para as administracións públicas de todos os niveis de goberno. A administración local ten que cumprir coa súa obriga e responsabilidade de achegarse, informar e protexer ás mulleres en situación de vulnerabilidade por mor das violencias de xénero. Por iso continuanos, a nivel local, co compromiso firme e decidido, na implementación de políticas públicas transversais de igualdade de xénero e de políticas de sensibilización contra as violencias machistas".

Comezou a lectura do manifesto a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, destacando que as "consecuencias socioeconómicas derivadas da crise da pandemia da covid-19, que afecta a millóns de persoas, agravaron os efectos das desigualdades que atinxen particularmente ás mulleres, tanto dende o punto de vista da sobrecarga de traballo, a maior pobreza e a precariedade laboral, como do aumento do risco de sufrir violencias de xénero". Recorda o texto que "o confinamento que se adoptou dende marzo a maio de 2020 coma medida sanitaria preventiva, visibilizou a crueza e acrecentou a situación de dificultade en que se atopan moitas mulleres e menores que conviven cos seus agresores, provocando que teñan maiores impedimentos para conseguir recursos de autoprotección".

Continuou a lectura María Castelao, do Grupo Popular, subliñando o empeoramento das condicións laborais das mulleres a causa da pandemia, "que lastran calquera posibilidade de independencia económica en caso de quereren optar por deixar a relación co maltratador". Segundo os datos estatísticos publicados polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, e recollidos no manifesto, durante o primeiro semestre de 2020, as denuncias por violencia machista reducironse durante a pandemia. Foi só un espellismo. A partir de xuño, do desconfinamento, constátase un novo aumento de demandas de atención por parte das vítimas.

Goretti Sanmartín, portavoz do BNG local, destacou, nesa lectura do manifesto, que "o confinamento simplemente agochou e agravou a realidade e a vida das mulleres que sofren violencia machista. O descenso desas denuncias e solicitudes de atención especializada por situacións de malos tratos físicos ou psicolóxicos debeuse a que estaban baixo a ameaza constante dos seus agresores". Lembrou que, no que levamos de ano, xa son 41 as mulleres asasinadas no conxunto do Estado español, dúas delas en Galicia. O ano pasado pechouse con 55 vítimas de crimes machistas. Desde que empezou a contabilización oficial, en 2003, 1.074 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas. A causa de todas estas violencias está directamente relacionada coa hexemonía patriarcal aínda vixente na nosa sociedade.

Marta Lois, portavoz de Compostela Aberta, continou a lectura, destacando que a violencia machista é un problema estrutural, "de aí que a súa erradicación esixa a posta en marcha de actuacións de carácter integral e transversal, que procuren unha sociedade plenamente igualitaria". Segundo a "Macroenquisa da Violencia contra a Muller 2019", esta realidade afecta ao 35,7% das mulleres galegas. Son máis de 498.000 mulleres as que declararon ter sufrido acoso sexual nalgún momento da súa vida. "As mulleres que sufriron ou sofren violencias por parte da súa parella ou exparella sitúase no 33,9% en Galicia, e no 33,6% no conxunto do Estado. Violencia que se manifesta de múltiples formas: psicolóxica, económica, física ou sexual… Simplemente polo feito de seren, de sermos mulleres", engadiu.

Outras actividades
Ademais da lectura deste manifesto, este 25 N complétase coa presentación dun documental editado no marco da campaña "Compostela en Negro", que amosa, a través dunha perspectiva masculina, a realidade actual en materia de igualdade e de coidados. Será as 16:30 h. no Centro Sociocultural de Santa Marta. A esta presentación está previsto que asistan o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel.

A peza audiovisual recolle distintas entrevistas con homes, e despois da presentación, vaise difundir nos centros socioculturais do rural. Desde vídeo saíron distintas frases e expresións manifestadas polos entrevistados como "Vou cambiar, "Eu tamén fago autocrítica", ou "Non axudo. Fágoo", que nos convidan a reflexionar sobre o papel masculino no avance cara unha sociedade máis igualitaria.

No vídeo participan José Manuel Pichel Patiño, concelleiro de Medio Rural; Gustavo Couto Rodríguez, profesor de música e baile tradicional; Antonio Ramón Fernández González, membro da directiva de FERUSA; e Presidente da Asociación de Veciños Camiño de Santiago; Evaristo Ben Otero, concelleiro do PP; José Puente Iglesias, marido dunha participante nos obradoiros de empoderamento; Xosé Quintáns Couselo, profesor de cociña e Rafael Peña Vidal, activista sindical e ex concelleiro de Medio Rural no anterior mandato; e Óscar Montero Colón, presidente da Asociación de Veciños Santa Mariña de Berdía.

Tamén hoxe, se comezou a difundir un video-performance, no que participa a artista Mónica Mura, que rodea, de forma simbólica, a cidade cunha cinta negra.

Estas accións contra as violencias machistas, forma parte da campaña Compostela en negro, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas.

Unha campaña na que tamén se están repartindo, nas farmacias da cidade, 5.400 máscaras co lema "Compostela en negro contra as vilencias" ou "Loito contra o machismo"; unha iniciativa na que colabora o Colexio de Farmacéuticos da Coruña.

Outra das actividades na colabora o Colexio de Psicoloxía de Galicia e o Colexio de Traballo Social é #EnNegroDendeACasa. Un cancelo co que se quere visibilizar e sensibilizar, a través dunha microweb, que contra a cultura da violencia, está a cultura do coidado.

Documentos relacionados