Comeza o plan formativo do programa de Mellora Empresarial da Economía Social, que ten como obxectivo dotar as cooperativas de servizos de apoio ante a actual crise
Hoxe comezou o plan formativo do programa de Mellora Empresarial da Economía Social, que desenvolve o Concello de Santiago e Espazo coop Unión de Cooperativas Galegas, co obxectivo de dotar ás cooperativas do municipio de servizos de apoio para superar a situación de crise económica creada pola pandemia da COVID19. Esta liña formativa impártese, ata o 15 de decembro, baixo o título "Dirixir en tempos de crise". Son 40 horas lectivas, nas que participan 27 persoas.
Este plan formativo está destinado a persoas interesadas no emprendemento cooperativo, socias e persoal de cooperativas, organizacións de economía social e público en xeral do concello de Santiago. A inscrición continúa aberta, por se hai máis persoas interesadas en realizar o curso.
A outra liña do programa de Mellora Empresarial da Economía Social é o asesoramento, na que xa se completaron as prazas dispoñibles. Está dirixida a persoal directivo e técnico con responsabilidades de xestión. O plan de traballo con cada cooperativa participante contempla a análise das consecuencias da crise pola COVId19, establecer medidas paliativas nas diversas áreas da empresa, e a planificación para implementalas na cooperativa. O plan adaptarase a cada un dos casos, en función das necesidades e prioridades das entidades participantes.
O programa de Mellora Empresarial da Economía Social forma parte do programa Compostela Móvese 2020, integrado no Plan de Reactivación Económica do concello de Santiago posto en marcha polo goberno municipal o pasado mes de abril co obectivo de minimizar o impacto da crise en Compostela. Un plan que contempla un paquete de medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos; deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio que incide, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e poboación desempregada.