Aberta a inscrición no programa "Mellora Empresarial de Economía Social" para dotar as cooperativas de servizos de apoio fronte á crise sanitaria
A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro presentou o programa de Mellora Empresarial da Economía Social, que desenvolverá o concello e Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas ata final de ano, co obxectivo de dotar ás cooperativas do municipio de servizos de apoio para superar a situación de crise económica creada pola pandemia da COVID19. Na presentación estivo acompañada da responsable de relacións institucionais da entidade, Mar Pernas

Segundo explicou Mila Castro, no marco deste programa "deseñáronse unha serie de accións formativas, de asesoramente, asi como de acompañamento, para contribuir a minimizar o impacto da pandemia a nivel económico". Unhas ferramentas que, incidiu "tamén axudarán a resolver as principais cuestións laborais, xurídicas, económicas, organizativas e comerciais na fase post-COVID".
Con este programa, indicou a concelleira, "propómonos darlle apoio ás cooperativas naquelas cuestións que lles permitan mellorar a súa capacidade de resistencia diante dos impactos e as consecuencias derivadas da crise, impulsando medidas que permitan garantir a súa supervivencia", asi como, continuou "acompañar aos órganos directivos e consellos reitores para que poidan asumir o seu papel de goberno e xestión neste entorno de incerteza".
Mar Pernas explicou os contidos do programa, que se divide en dúas liñas de actuación. A primeira, de asesoramento, está dirixida a persoal directivo e técnico con responsabilidades de xestión. O plan de traballo con cada cooperativa participante contempla a análise das consecuencias da crise pola COVId19, establecer medidas paliativas nas diversas áreas da empresa, e a planificación para implementalas na cooperativa. O plan adaptarase a cada un dos casos, en función das necesidades e prioridades das entidades participantes. O prazo de inscrición esta aberta ata esgotar as dez prazas dispoñibles.
A segunda liña de actuación é o plan formativo, que se vai impartir baixo o título "Dirixir en tempos de crise". Son 40 horas lectivas, que se desenvolverán entre o 4 de novembro e o 15 de decembro de 2020. Está destinado a persoas interesadas no emprendemento cooperativo, socias e persoal de cooperativas, organizacións de economía social e público en xeral do concello de Santiago. O prazo de inscrición está aberto ata finais de outubro.
O programa de Mellora Empresarial da Economía Social forma parte do programa Compostela Móvese 2020, integrado no Plan de Reactivación Económica do concello de Santiago posto en marcha polo goberno municipal o pasado mes de abril co obectivo de minimizar o impacto da crise en Compostela. Un plan que contempla un paquete de medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos; deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio que incide, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e poboación desempregada.