• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O alcalde salienta o compromiso do Concello cos cinco puntos recollidos no acordo do Foro Cívico

Data de escritura

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta hoxe da marcha dos puntos recollidos no acordo do Foro Cívico, nunha xuntanza na que tamén participaron, ademais de representantes do Foro, os voceiros do grupos municipais no Concello Alejandro Sánchez-Brunete, Marta Lois e Goretti Sanmartín.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou o "compromiso total e absoluto" do Concello de Santiago cos cinco puntos que recolle o Acordo do Foro Cívico asinado na Cámara de Comercio compostelá en maio de 2019; a industrialización, a intermodal, a EDAR, a mellora das conexións e infraestruturas, e a modernización da administración local. Cinco proxectos imprescindibles, cinco eixos troncais para a cidade, sinalou, nos que "houbo avances significativos", condicionados, engadiu o rexedor, "polas actuais circunstancias" de crise sanitaria, e pola espera a que se constituira o goberno central.

O alcalde recordou que "levamos 15 meses de Goberno", que estamos nun escenario "moi particular" no que compre dar resposta efectiva á crise sanitaria a nivel social e de reactivación económica.

Lembrou tamén que a aposta de Santiago en materia de industrialización é pola biotecnoloxía e polo sector da Madeira, os dous polos que cómpre impulsar. No resumo que fixo destes 15 meses de mandato, Sánchez Bugallo destacou o Acordo da Sionlla, asinado entre o Concello, a Xunta, a Asociación Área Empresarial do Tambre e a USC, que senta as bases do "Polo de Innovación en Biotecnoloxía", que ten como obxectivo situar á cidade é á comunidade como un referente no sector.

Desde o punto de vista fiscal, o alcalde destacou a entrada de Santiago no grupo de cidades emprendedoras, a través do programa Doing Business; a bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e no ICIO (Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras), para as empresas que se instalen na cidade e cren emprego de calidade, na que o rexedor agradeceu o apoio de Compostela Aberta.

Sánchez Bugallo explicou que cando comezou o mandato, en parte do polígono da Sionlla non se podían garantir servizos como saneamento, auga e electricidade. "Houbo que buscar solucións" e o Concello puxo en marcha dúas plantas de tratamento e de subministración de auga. Ademais, nestes 15 meses, sinalou que se concederon más de 20 licenzas e está en tramitación outro "número importante, polo que en dous anos a previsión é de que se instalen 40 novas empresas".

Sobre as obras da intermodal, Sánchez Bugallo explicou que está previsto que a parte que está executando o Concello, de reurbanización de Clara Campoamor, finalice o 23 de setembro. As obras da Xunta están en prazo e a parte de ADIF, a conexión entre a Rúa do Hórreo e Clara Campoamor é a que leva máis retraso. Prevese, segundo explicou o alcalde, que a finais de 2020 estea rematada está actuación, e que a principios do vindeiro ano se poña todo en funcionamiento.

No eixo relacionado coa mellora das conexións e as infraestruturas, destacou os avances na construción da A-54. En relación ao Orbital, afirmou que está previsto que as obras comecen a principio de novembro, despois da resolución da concesión a finais de agosto. En canto ao Orbitaliño está en fase de exposición ao público. Explicou que se presentaron varias alegacións, e esta semana hai unha reunión para "buscar puntos en común" que poidan garantir unha mellor conectividade, funcionalidade e operatividade da infraestutura.

Tamén se referiu á EDAR da Silvouta. O alcalde adiantou que está previsto que o próximo 30 de setembro se seleccione o proxecto definitivo entre as catro propostas que pasaron a fase de preselección. Despois haberá que redatar o proxecto de execución e tramitar a autorización medioambiental, que espera sexa simplificada para poder iniciar a obra o próximo ano.

En canto á modernización da administración local, Sánchez Bugallo adiantou que o 21 de outubro está prevista a entrada en funcionamento de todos os procedementos dixitais.

Tanto o alcalde coma os tres portavoces municipais manifestaron o seu apoio para sacar adiante e avanzar nestes cinco temas que recolle o acordo do Foro Civico. Ademais felicitaron ao Foro pola súa preocupación e polo seu traballo por pensar conxuntamente na cidade de Compostela, como pola iniciativa de seguir exercendo presión nos temas prioritarios para Santiago e nos que o Foro acadou que todos os grupos municipais chegasen á sinatura dun consenso.

O Foro Cívico de Santiago de Compostela considera estes asuntos de capital importancia para a cidade e esenciais no presente e o futuro desta, polo que deben quedar fóra da disputa partidaria, xa que transcenden a unha única lexislatura e son estratéxicos. Por iso José Carballo, portavoz do Foro Civico, agradeceu a asistencia, a actitude e o talante de todos os partidos políticos na xuntanza de hoxe.

O Foro Cívico de Santiago de Compostela, é unha plataforma de traballo que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega como son a Universidade, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, a Fundación Santiago Centro, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, o Rotary Club, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, a Asociación de Antigos Alumnos da Universidade, a Asociación de Xornalistas de Santiago, Compostela Solidaria, a Asociación Vicus Francorum, o Colexio Maior A Estila, o Colexio de Avogados, o Colexio de Economistas, o Colexio de Arquitectos, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais e o Colexio de Procuradores.