O 28 de setembro remata o prazo para solicitar as axudas do Consorcio para a adecuación dos locais comerciais da cidade histórica
O Consorcio de Santiago vai destinar 120.000 euros á adecuación dos locais comerciais da cidade histórica compostelá como apoio á recuperación económica trala COVID-19. Os interesados en beneficiarse desta convocatoria de axudas deberán presentar as solicitudes e a documentación requirida no rexistro do Consorcio, situado no número 59 da Rúa do Vilar, ou en calquera outro rexistro. O prazo remata o vindeiro 28 de setembro.
A finalidade destas axudas é apoiar ao comercio na súa adaptación ás esixencias da nova normalidade, mellorando a accesibilidade e a eficiencia enerxética dos locais, a súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior, o seu acondicionamento acústico, xunto á instalación das medidas de protección necesarias contra a COVID-19. Entre estas medidas inclúese a colocación de mamparas, dispensadores fixos de xel hidroalcólico, hixienizadores, cámaras termográficas, unidades purificadoras de aire que incorporen filtros HEPA, sistemas de medición de aforo, etc. e ata servizos profesionais relacionados con estas.
Poderán ser subvencionables as obras iniciadas despois da presentación da solicitude, así como aqueles gastos de instalación de medidas de protección contra a COVID-19 realizados e pagados desde a data da declaración do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria.
Estas subvencións inclúen os honorarios de redacción do proxecto e a dirección técnica da obra. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago poderase encargar de redactar a documentación técnica no caso das obras de pequena entidade.
Valorarase que o titular da actividade sexa muller e teña ata 35 anos de idade
Na avaliación das solicitudes primarase aos locais que se visen obrigados ao peche pola declaración do estado de alarma. En relación ao tamaño da empresa, valorarase que non supere as cinco persoas traballadoras. Tamén se recoñecerá que sexa muller a persoa titular da actividade, así como a pertenza a unha asociación de comerciantes ou empresarial. Respecto ao tamaño do establecemento comercial, valorarase que non supere os 150 m2 de superficie destinada a exposición e venda. Ademais, considerarase que o titular da actividade sexa unha persoa nova de ata 35 anos. E teranse en conta os locais que iniciaran a súa actividade no último ano.
A contía da axuda acadará ata o 80 % do orzamento aceptado. O presuposto mínimo subvencionable será de 600 euros e o máximo de 5.000 €.